Xuventude Mentoring amplía o prazo ata o 5 de maio

O programa Xuventude Mentoring, que xa vai pola sétima edición, vén de ampliar ata o 5 de maio o prazo para inscribirse. A convocatoria diríxese a persoas de entre 18 e 30 anos que teñan cursado estudos universitarios, formación profesional de grao superior ou estudos superiores nas ensinanzas de réxime especial e que desexen contar con apoio profesional e asistencia de persoas mentoras con experiencia para enfocar o seu desenvolvemento cara o mercado laboral, tanto por conta allea como por conta propia.

Xuventude Mentoring conta cunha completa oferta de contidos para apoiar e acompañar as persoas mozas na súa transición á vida laboral tras rematar os seus estudos de grao ou de formación profesional superior, ofrecéndolles un primeiro contacto coa súa área de coñecemento, con actividades formativas, visitas a empresas para que poidan crear a súa rede de contactos e co apoio permanente e continuo dun equipo de persoas titoras que acompañan todo o proceso.

O programa está  promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e o CIXUG en colaboración coas tres universidades galegas.