Pontevedra, 22 de febreiro de 2025
A celebración da 60 Edición do Concurso Exposición Internacional da Camelia serve para poñer en valor, un ano máis, o grande atractivo desta flor e a importancia que ten na comunidade. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, esta tarde en Pontevedra, na entrega de premios deste certame.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia subliñou que a Xunta de Galicia deseñou unha serie de produtos turísticos, únicos en España, destinados a recoñecer e dar visibilidade á variedade da camelia e aos espazos que ocupa, unha aposta que está a consolidarse .
Neste sentido, recordou que a Ruta da Camelia vén de aumentar recentemente o seu itinerario tras a decisión do Comité da Camelia e posibilita agora a visita a 19 lugares singulares que permiten admirar a flor, á vez que coñecer algúns dos máis destacados edificios históricos da comunidade. Son 15 xardíns e catro recursos turísticos asociados, repartidos entre as provincias de Pontevedra e A Coruña, que contan con exemplares únicos de camelias e que complementan as visitas con propostas enogastronómicas e culturais.
Ademais, entre outras accións, a oferta da Xunta de Galicia compleméntase co Tren turístico da Camelia, que en 2025 viaxará o 8 e o 22 de marzo para achegar ás persoas a varios dos xardíns de Excelencia Internacional. A aposta por este tipo de rutas entronca directamente coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que pon énfase na desestacionalización da oferta.