Monterrei (Ourense), 3 de maio de 2025
A Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia abre unha nova edición con visitas a adegas e actividades na zona vitivinícola de Monterrei. A iniciativa está organizada pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños das cinco Denominacións de Orixe galegas: Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Ribeira Sacra. Xosé Merelles inaugurou a programación deste ano que discorrerá todas as fins de semana deste mes de maio.
O director de Turismo de Galicia participou na visita do Lagar rupestre ‘Xan Preto’ de Oímbra para logo visitar a adega Triay que participa na iniciativa. Pola tarde, Xosé Merelles visita a igrexa prerromática de Mixós, en Monterrei e tamén percorrerá as rúas de Verín na visita programada a esta localidade ourensá.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor a importancia deste produto turístico á hora e visibilizar os numerosos atractivos destas zonas desde a perspectiva da cultura enolóxica. Así, lembrou que nas 13 edicións previas da Primavera de Portas Abertas, se organizaron un total de 587 actividades distintas e 1.323 establecementos levan colaborado ata 2024.
Ademais, subliñou o papel deste tipo de iniciativas que contribúen a avanzar nas estratexias de desestacionalización e diversificación do destino, repartindo visitantes polo territorio en meses fóra de tempada. Precisamente, a desestacionalización do turismo constitúe unha das liñas mestras de traballo da Axencia, que na súa Estratexia de Turismo 2030 recolle estes esforzos.
Participantes e actividades
A primeira das citas celébrase entre o 2 e o 4 de maio protagonizada pola Ruta do Viño de Monterrei e nela participan cinco adegas, dous aloxamentos e dous establecementos de restauración. Entre as actividades nas que se poderá participar hai visitas guiadas gratuítas ás adegas, obradoiros nos que explorar as posibilidades dos distintos viños ou rutas polos lagares rupestres de Oímbra e a vila de Monterrei.
Ademais, a Primavera de Portas Abertas mantén nesta edición outra das súas tradicionais apostas, como son os Buses do viño, rutas en autobús que saen das principais localidades galegas para achegarse ás distintas denominacións de orixe. En concreto, na fin de semana centrada en Monterrei, participaron cinco destes buses procedentes de Vigo (con dúas saídas), Santiago, A Coruña e Ourense.
A iniciativa confirma ademais a aposta da Axencia polo enoturismo, tamén incluído na Estratexia que inclúe unha liña específica coa “colaboración e a acción coordinada coas cinco rutas do viño de Galicia para reforzar a xeración de experiencias turísticas nas adegas galegas”.
Primavera de Portas Abertas continuará o seu percorrido a fin de semana do 9 ao 11 de maio coa Ruta do Viño de Valdeorras; do 16 ao 18 de maio corresponderalle á das Rías Baixas; do 23 ao 25 de maio será na Ribeira Sacra e finalmente do 30 de maio ao 1 de xuño, corresponderalle ao Ribeiro.