Santiago, 19 de abril de 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou este sábado a comarca de Valdeorras onde participou na XV Festa da Vitela, no Concello de O Bolo, e pola tarde, na vixésima edición da Festa das Covas de Larouco, na localidade de Seadur.
O director de Turismo de Galicia salientou o potencial da comarca de Valdeorras no ámbito turístico baseado, nestes casos, na cultura e tradición enogastronómica da zona. Así, puxo en valor a rica gastronomía local, a calidade dos produtos así como a tradición enolóxica con citas tan importantes coma a das covas de Larouco.
Neste sentido, subliñou que desde Turismo de Galicia se impulsa estas celebracións como vía a través da que poñer en valor os recursos da comunidade, á vez que diversificar a oferta do destino. En concreto, a comarca de Valdeorras conta cun Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, dotado con 1,5M€, baixo o lema Ruta do Viño Milenaria. Este é un dos 13 que contempla o Plan Territorial de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia, lanzado en 2023 cun investimento total de 34,5M€ ata o ano 2025.
A cita gastronómica de O Bolo artéllase arredor da carne de tenreira da comarca, cunha degustación celebrada no pavillón deportivo que se complementa con outros produtos da zona. Durante a xornada celebrouse tamén a Feira de Produtos Tradicionais, así como outras actividades relacionadas coa gastronomía e unha homenaxe ao médico Sebastián Ricoy Otero.
A Festa das Covas de Larouco chegou a súa vixésima edición na procura de recoñecer a cultura vitinícola da zona. Nesta ocasión, tamén colaborou o Consello regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras.