A catedrática de Análise Matemática da USC, Victoria Otero Espinar, acaba de ser elixida presidenta da Real Sociedade Matemática Española logo de rematar o proceso de votación para a renovación do primeiro terzo da súa xunta de goberno, correspondente á presidencia e tres vogalías, ademais dunha vogalía interina. Otero Espinar era xa dende 2022 vicepresidenta desta sociedade científica referente en España no seu ámbito.
Victoria Otero, que toma o relevo de Eva Gallardo, da Universidade Complutense de Madrid, conta cunha ampla traxectoria académica e de xestión. Investigadora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (Citmaga), foi vicerreitora de Titulacións da USC e decana da Facultade de Matemáticas. Na RSME, da que ata agora era vicepresidenta primeira, presidiu a Comisión Profesional (2015-2019) e dende 2015 a Comisión RSME-RAE. Estivo tamén á fronte da Conferencia de Decanos de Matemáticas ata 2017.
As súas liñas de investigación encádranse no eido das ecuacións diferenciais e en diferenzas, sistemas dinámicos e biomatemática. É autora de preto de 60 artigos científicos e participou en máis de 40 proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas europeas, estatais e autonómicas.