Veterinaria renova a acreditación que a sitúa como centro docente de referencia en toda Europa

Lugo

A Facultade de Veterinaria da USC conta dende esta semana coa renovación do selo que outorga a Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria (EAEVE), distinción que a sinala como centro docente de referencia en toda Europa no relativo aos estudos neste ámbito. A obtención desta acreditación europea chega apenas tres meses despois de que un comité de especialistas da EAVE visitase o centro e emitise un informe favorable no que se destacaba a ausencia de deficiencias relevantes e que a Facultade cumpría coa inmensa maioría dos requirimentos para a renovación do selo. Este logro é froito “do traballo en equipo”, salientou  o decano Gonzalo Fernández Rodríguez.

A fins de maio, o chairperson do comité, Olivier Glardon, presentou as principais conclusións do informe nun acto público que se desenvolveu no Auditorio da Facultade de Veterinaria. Glardon comezou a súa intervención dando conta dos puntos fortes cos que conta esta Facultade da USC. Así, puxo o foco na implicación de todo o centro nas políticas de calidade; no amplo rango de modelos animais dispoñibles no laboratorio de habilidades clínicas, así como no amplo abano de actividades que permite que o estudantado practique primeiro en modelos animais, antes de facelo en seres vivos; ou na “formación práctica excelente” no eido da saúde pública. A formación práctica en inspección e hixiene dos alimentos conformou outro dos aspectos destacados do informe.

O Hospital Veterinario Universitario Rof Codina ou a Granxa Gayoso Castro foron tamén puntos relevantes na presentación de Olivier Glardon. Con respecto ao Hospital, o comité destacou a súa xestión económica, así como o “equilibrio” que mantén entre a práctica asistencial e a docencia, tendo sempre o estudantado como “prioridade”. No relativo á Granxa, o informe destacaba o seu equipamento excelente e, en concreto, o arredor de medio centenar de vacas leiteiras que se empregan na docencia e o sistema de robotización á hora de muxir.  

A comitiva visitou aulas, laboratorios, o Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) ou a Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, entre outros espazos. Ademais, mantivo xuntanzas con diferentes colectivos universitarios e desenvolvéronse reunións temáticas nas que se abordaron cuestións como as políticas de calidade, as finanzas, currículo, equipamentos, o emprego de recursos de orixe animal e os recursos dedicados á docencia, a admisión do estudantado ou os programas de investigación, entre outras cuestións.  

“Estou moi satisfeito e agradecido a todos os colectivos que contribuíron a que este resultado fose posible”, salientou  o decano de Veterinaria, quen tivo palabras de agradecemento para o persoal docente e investigador, o persoal de administración e servizos, e o estudantado do centro, así como para o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, a Granxa Gayoso Castro, así como institucións, colectivos profesionais e empresas que mantiveron e manteñen un estreito vínculo co centro.

Ademais de Glardon, integraron a comitiva Caroline Prouillac de VetAgro Sup (Lyon), Tatiana Art da Université de Liège, Mark Crowe do University College Dublin, Yagmur Derman da University of Helsinki, Preben Dybdahl Thomsen da University of Copenhagen, Małgorzata Matylda Nosiadek da Wrocław University of Environmental and Life Sciences (Wrocław) e Massimo Castagnaro, coordinador da comitiva, da Università degli Studi di Padova. O informe favorable foi emitido por unanimidade dos oito membros do comité.