Lugo
A Facultade de Veterinaria da USC entregou este xoves 14 os galardóns correspondentes aos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’ cos que a comisión de normalización lingüística do centro quere fomentar o uso da lingua propia da USC entre o seu estudantado. O acto serviu tamén para dar a coñecer os perfís gañadores do sorteo ‘Cambia a túa mirada’, unha campaña que o Servizo de Normalización Lingüística da USC desenvolveu a través da rede social Instagram.
A convocatoria ‘O teu traballo ten premio’ pretende poñer en valor os Traballos Fin de Grao da Facultade redactados e defendidos en lingua galega. O primeiro premio, dotado con 250 euros e diploma acreditativo, foi para Lucía Gontán Iglesias, polo traballo Emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da produción de carne de Ternera Gallega Suprema; mentres que o segundo, dotado con 125 euros e diploma acreditativo, distinguiu a Carlos Alfredo Busto Vázquez, polo traballo Comportamento das candorcas (Orcinus orca) en vida libre: a problemática das interaccións con embarcacións.
Carla Vázquez Fernández, primeiro premio, e Cathaysa Veiras Ramos, segundo premio, resultaron gañadoras da edición 2024 do galardón ‘Escolle en galego’ co que a Facultade quere destacar os mellores traballos académicos elaborados na lingua propia da USC e vinculados a materias do grao en Veterinaria. As estudantes recibiron 100 e 75 euros, respectivamente, xunto cos correspondentes diplomas acreditativos. Nos dous casos o traballo premiado levou por título Memorias das estancias non clínicas e na Administración.
En ambos os certames, o xurado estivo composto por Gonzalo Fernández Rodríguez, decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (presidente), Marta López Alonso, presidenta da Comisión de Normalización Lingüística (vogal e secretaria) e Xusto A. Rodríguez Río, técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC (vogal).
A rede social Instagram foi o escenario no que se desenvolveu a campaña a prol do uso do galego ‘Cambia a túa mirada’ co obxecto de acadar unha mirada positiva cara á cidade de Lugo e as súas características, e cara á cultura e a lingua propias de Galicia. Esta actividade dirixida ao estudantado da Facultade de Veterinaria puxo o foco nas vantaxes sociais de integrarse na cidade e no seu ambiente social e lingüístico, así como na importancia de que o estudantado galego manteña o uso da lingua galega na súa vida universitaria.
Baixo estas premisas, o certame baseouse nun sorteo de catro pixamas veterinarios estampados con elementos gráficos da campaña. Para conseguilos foi preciso ter máis de 18 anos ou facelos no 2024, seguir o perfil de Instagram @linguausc (do Servizo de Normalización Lingüística) e axudar a difundir as mensaxes da campaña #cambiaatuamirada de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria. Unha posible forma de facelo era darlle gústame á publicación de @linguausc onde se comparten as mensaxes gráficas desa campaña, e deixar un comentario nela mencionando a outras tres persoas; ou ben compartir nunha historia de Instagram algunha desas mensaxes gráficas mencionando a outras tres persoas. A campaña desenvolveuse entre o 14 e o 25 de outubro de 2024 e catro foron os perfís de Instagram premiados a través dun sorteo entre todas as contas participantes.