O reitor Antonio López definiu como “esencial” o soporte institucional recibido por parte da Deputación lucense para o ‘Programa de apoio á investigación, docencia e divulgación científica do campus universitario de Lugo’, cuxo convenio para o 2024 asinou este xoves co presidente da institución provincial, José Tomé. López destacou que grazas ao pulo da institución tamén se melloran as infraestruturas docentes do Campus de Lugo e faise divulgación científica que permite “poñer en valor a singularidade investigadora deste campus especializado en toda a riqueza que emana do medio rural galego”.
O de Lugo é un campus fundamental, continuou Antonio López, “no desenvolvemento do sector agroalimentario e forestal de Galicia” e neste senso, o reitor da USC recoñeceu que o vínculo entre ambas as institucións serve de motor para a sede universitaria luguesa, pero tamén para a provincia e para a comunidade galega no seu conxunto.
O convenio ten como finalidade financiar actividades que serven para o reforzo de institutos e centros de investigación coma o IBADER ou a estación científica do Courel, desenvolver actuacións de micoturismo e turismo de natureza no xeodestino Ancares-Courel e na provincia de Lugo e o aproveitamento sostible da planta medicinal ameazada Arnica montana L en Galicia.
Así mesmo, contempla mellorar as infraestruturas docentes da Facultade de Ciencias, da Escola Universitaria de Relacións Laborais e da gaiola de drons no grao en Robótica; a achega ao apartado de divulgación científica a través do campus de verán XuvenCiencia, da Universidade de Verán, da iniciativa DivulgaT, do programa A Ponte co Ensino Medio e de cursos, congresos e seminarios, así como para facilitar a realización de prácticas na Granxa Gaioso Castro da Deputación. Todas estas accións permítenlle á USC continuar impulsando a excelencia no campus de Lugo e mantelo como un referente no eido académico.
Axente económico
O presidente da Deputación de Lugo salientou o feito de que a universidade pública é un axente económico que acada cada vez máis peso no PIB lucense e “forma parte do noso sistema de dereitos universais e debe estar dispoñible en condicións de igualdade para todas as persoas que desexen cursar estes estudos”.
José Tomé subliñou que a USC é “unha universidade que xunta a excelencia académica co arraigo co territorio e que fomenta a colaboración coa empresa e co noso rural, a través da investigación e o retorno do coñecemento. Por todo iso é un orgullo comprobar que o traballo que se fai neste campus axuda a consolidar a USC nos ránkings das mellores universidades internacionais”. Neste sentido, incidiu no “sinal de identidade” que supón a USC para Lugo e sinalou que desde a Deputación “traballamos sempre dende a lealdade institucional, preservando o desexo de colaboración constante”.