Unha vintena de docentes de sete países europeos fórmanse na USC para desenvolver o pensamento crítico nas aulas

Santiago de Compostela

Como organizar a aula, como deseñar as actividades a desenvolver nela e, sobre todo, facelo dende unha perspectiva interdisciplinaria e cun obxectivo claro: fomentar o pensamento crítico. A todas estas preguntas buscan responder as sesións que, ao abeiro do proxecto ‘Competencias Meta-científicas na Era da Des-información’ (SciLMi), se desenvolven ao longo desta semana na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Nelas, unha vintena de docentes procedentes de Chipre, Grecia, Lituania, Finlandia, República Checa e Hungría participarán nun Blended Intensive Teacher Training (BIT), unha formación híbrida destinada a profesorado de Educación Secundaria “en activo”. Esta actividade, ‘SciLMi Critical Thinking for Effective Democratic Citizens’, céntrase en dar pulo ás destrezas asociadas ao pensamento crítico como competencia transversal para a abordaxe de cuestións socio-científicas nas aulas de Educación Secundaria e coas que facer fronte á desinformación.

Este é o primeiro proxecto europeo destas características no que participa a USC, baixo a coordinación  da profesora Blanca Puig. Tamén traballa nesta iniciativa a investigadora postdoutoral Inés Martínez Pena do grupo de Investigación RODA (Razoamento, Discurso e Argumentación). Xuntas achegan os seus coñecementos e experiencia investigadora sobre o pensamento crítico na educación científica e na formación do profesorado no ensino e aprendizaxe de cuestións socio-científicas.

Docentes do futuro

Xa a semana pasada, do 9 ao 13 de xuño , ao abeiro deste proxecto Erasmus+, docentes de educación secundaria en formación de distintas disciplinas e países, traballaron nas competencias necesarias para xestionar a desinformación socio-científica mediática. En concreto, alén do pensamento crítico, abordouse a competencia dixital ou a alfabetización mediática. Este Blended Intensive Programme (BIP) constitúe un curso híbrido que xa contou cunha fase de formación virtual e que desenvolveu a semana pasada a súa etapa presencial. Nesta actividade que tivo lugar na sede da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte, déronse cita docentes en formación de diversos países e procedentes de diferentes especialidades, “o que supuxo un intercambio cultural moi importante”, explica a profesora Puig.

As persoas participantes elaboraron materiais de traballo relacionados coas competencias transversais que integran o proxecto e que presentaron na derradeira sesión. “Trátase de ser quen de capacitar as persoas para actuar como unha cidadanía responsable”, engade. Así, logo de realizar propostas individuais, o estudantado traballou de xeito colectivo en cuestións como a sustentabilidade do océano, reflexionou sobre a enxeñaría xenética aplicada ao que popularmente se deu a coñecer como ‘bebés á carta’, tratou a cuestión da reciclaxe e afondou na emerxencia sanitaria que supoñen as resistencias aos antibióticos, entre outras cuestións. 

Ambos os eventos facilitarán o traballo e intercambio de experiencias entre docentes de distintas ramas e disciplinas, así como de distintas institucións e centros educativos. Nestas experiencias participarán profesionais cunha dilatada experiencia na formación do profesorado. Neste proxecto colabora como asesor científico, o investigador Jonathan Osborne, chair do panel PISA 2025.  

Ademais, a fin de semana existente entre os dous cursos tivo lugar a reunión anual do equipo do poxecto SciLMi para revisar os progresos realizados ata a data e determinar os seguintes pasos a dar no futuro. Trátase dun equipo multidisciplinar que desenvolve a súa labor cunha aproximación co-construtiva, o cal enriquece e mellora a calidade dos resultados derivados do seu traballo. Esta primeira edición dos cursos servirá como piloto para futuras edicións.