Santiago de Compostela
Facer unha viaxe polas distintas etapas da historia e
acontecementos máis importantes a través da expresión corporal é o eixo da colaboración que medio cento de estudantes do grao en Mestre/a de Educación Infantil mantén coa cativada da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos, unha entidade sen ánimo de lucro centrada na animación sociocultural e na intervención sociocomunitaria, que oferta diversas actividades e proxectos socioeducativos para persoas a partir de 3 anos. Nesta iniciativa, o estudantado está acompañado pola mascota Clocky, que con probas e recompensas impulsa esta viaxe a través do tempo nunha vintena de sesións de corenta minutos de duración.
Este proxecto permite traballar os contidos dunha materia de forma diferente. “Estamos acostumados e acostumadas a sentar e escotar teoría, pero con este proxecto temos voz e voto, implicámonos todos e todas e traballamos dunha forma práctica o que supón para nós unha aprendizaxe moito máis vivencial e significativa”, explica o estudantado que traballa no marco da materia ‘Didáctica da Expresión e da Comunicación Corporal’ e baixo a coordinación da profesora Maite Abilleira González.
O estudantado destaca que “traballar con nenos e nenas axúdanos para o noso futuro como mestres e mestras. Nós axudámolos levándolles sesións diferentes e que teñan ese anaco de diversión e aprendizaxe”. A Unidade Didáctica componse de 21 sesións, comezando na Prehistoria e rematando no futuro. Así, o proxecto abarca temáticas como os dinosauros, a prehistoria, os maias, o antigo Exipto, a antiga China, os celtas, os Primeiros Xogos Olímpicos, a mitoloxía grega, o imperio romano, os aztecas, a revolución francesa ou a aparición do cinema, entre outros.
Cada semana realízanse 3 sesións entre o propio estudantado de grao, facendo unha posta en común ao rematar, para saber o que se fixo ben e o que hai que mellorar da sesión. Despois vaise á asociación para facer a sesión coa cativada.