Lugo,
Santiago de Compostela
O escritor José Ángel Valente foi retratado en diversas ocasións e baixo distintas técnicas artísticas como a pintura, o debuxo, ou mesmo a caricatura. Algúns destes retratos foron feitos por artistas do seu Ourense orixinario nos anos cincuenta, como Manuel Prego de Oliver ou Virxilio, pero máis tarde tamén o representaron o pontevedrés Xosé Freixanes, o vigués Xulio Formoso, o celanovés Baldomero Moreiras, o ferrolán Siro López e, sobre todo, a lucense Sara Lamas. A mostra ‘Iconografía artística de José Ángel Valente 1955-2024’ que a Facultade de Filoloxía da USC acolleu ata o pasado marzo deu conta de todo este acervo creativo arredor da figura de Valente e que agora cristaliza nun libro homónimo, cuxa autoría corre a cargo do catedrático da USC e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, Claudio Rodríguez Fer, coa colaboración de Laura Paz Fentanes, quen actuou como comisaria deste proxecto expositivo.
De fóra de Galicia salientan os óleos do pintor simbolista Ramón Pérez Carrió e abundan os debuxos e as caricaturas na prensa do Estado español, aínda que Valente foi retratado por artistas de moi diversas procedencias: o histórico cubano David (caricaturista de Fidel Castro e do Che Guevara), o brasileiro Loredano, a rusa Alisa Smirnova e os arxentinos Avallone, Bejer e Sciammarella, “este sen dúbida o que o fixo de xeito máis experimental”, destaca Rodríguez Fer.
En diversas ocasións, Valente foi retratado xunto a amizades ou intelectuais cos que se relacionou moito, como a filósofa María Zambrano, ou con escritores que traduciu —como Celan dende o alemán— ou que coñeceu persoalmente, como os latinoamericanos Lezama Lima e García Márquez, os españois da súa idade Brines e Rodríguez, ou colaboradores xa máis novos ca el, como Gimferrer ou o propio Rodríguez Fer. O material exposto percorreu setenta anos de arte, polo que se puxo de manifesto unha gran variedade de xéneros, estilos e técnicas.
Mais non sorprende que as artes prestaran atención á figura de Valente, tendo en conta que a súa obra se editou en colaboración cun gran número de artistas plásticos —Tàpies, Saura, Chillida, Rebeyrolle, Partenheimer, Forteza, Nóvoa, Carrió, ou Coral, entre outros—e que tratan sobre arte moitos dos seus poemas e dos seus ensaios, como os contidos no libro Elogio del calígrafo. Rodríguez Fer e Paz Fentanes presentarán a obra na Sala VerSus da Fundación Cuña-Casasbellas (rúa Xerardo Álvarez Limeses, nº 12 – Pontevedra), o próximo mércores 11 de xuño ás 19.30 horas.