Un estudo en ratos liderado pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) e no que participan Miguel López e Cristina Contreras, do Grupo NeurObesity do Departamento de Fisioloxía da USC e do CiMUS, revela un avance significativo no entendemento do papel da proteína PAS quinasa (PASK) na termoxénese e a regulación do gasto enerxético mediante a produción de calor.
O equipo demostrou en Biochemical Pharmacology que os ratos deficientes na proteína PAS quinasa (PASK) presentan unha maior actividade termoxénica no tecido adiposo pardo (BAT, polas súas siglas en inglés) e unha conversión máis eficiente de graxa branca a graxa parda (un proceso coñecido como browning).
“Este achado suxire que inhibir a función de PASK podería ser unha estratexia prometedora para combater a obesidade e enfermidades metabólicas asociadas”, destaca Carmen Sanz, autora principal do traballo e investigadora do Departamento de Bioloxía Celular da Facultade de Medicina da UCM.
Os adipocitos da graxa branca almacenan lípidos para xerar enerxía, pero a súa acumulación excesiva contribúe ao sobrepeso e enfermidades metabólicas e cardiovasculares. En contraste, os adipocitos do tecido adiposo pardo utilizan lípidos para disipar enerxía producindo calor (termoxénese), evitando así o aumento de peso. Baixo estímulos, como o frío ou agonistas β-adrenérxicos, algúns adipocitos presentes na graxa branca poden adquirir propiedades termoxénicas mediante o proceso de browning.
Un estudo previo do grupo en 2018 xa indicara que estes ratos deficientes en PASK mostraban resistencia ao desenvolvemento de obesidade cando se alimentaban con dieta alta en graxa.
Os resultados obtidos na recente publicación confirman que a ausencia de PASK activa de forma máis eficiente o BAT e mellora a resposta do organismo ao frío ou a estímulos farmacolóxicos, aumentando o gasto enerxético, o que favorecería a perda de peso.
Para levar a cabo o estudio, os autores utilizaron ratos machos coa proteína PASK non funcional e ratos silvestres que foron sometidos a diferentes estímulos termoxénicos, como baixas temperaturas e agonistas β-adrenérxicos. O rexistro de datos cada hora durante 7 días mediante calorimetría xerou miles de datos que lles permitiron determinar o gasto enerxético en distintas condición.
Ademais, os investigadores obtiveron mediante termografía a temperatura no BAT dos ratos expostos ou non a baixas temperaturas ambientais ou a análogos β-adrenérxicos. Paralelamente, realizaron un seguimento da variación do peso corporal baixo estas condicións e analizaron marcadores termoxénicos e mitocondriais en diferentes tipos de tecido adiposo.
Estes descubrimentos abren novas posibilidades para desenvolver terapias baseadas na modulación da termoxénese, aproveitando o potencial do tecido adiposo marrón para controlar o peso corporal e mellorar a sensibilidade á insulina.
Este traballo representa un avance crucial na loia contra os efectos negativos da obesidade e subraia a importancia da investigación básica para atopar solucións innovadoras fronte a problemas de saúde global.
Ademais da USC e a UCM, no traballo tamén participan o CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBEROBN) e o Instituto de Investigación Sanitaria do Hospital Clínico San Carlos de Madrid.
Referencia bibliográfica: Hurtado-Carneiro V, Juan-Arevalo Y, Flores CN, et al. Enhanced thermogenesis in PAS Kinase-deficient male mice. Biochemical Pharmacology, 2025. DOI: 10.1016/j.bcp.2025.116757.