O Corro dos Mouros representa unha peza fundamental para avanzar no estudo do Bronce Final en Galicia. Este xacemento, emprazado na parroquia de Adai (Lugo) e que ten a súa orixe no século XIII antes de Cristo, foi obxecto de investigación en dúas intervencións arqueolóxicas promovidas a través dun convenio de investigación entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.
Estas campañas (a última levouse a cabo entre o 8 e o 24 de xullo de 2024) buscan poñer en valor o patrimonio arqueolóxico da rexión, subliñando a necesidade da súa conservación e investigación.
Os primeiros resultados das escavacións realizadas nos anos 2023 e 2024 móstranse agora nunha exposición que se poderá visitar no CISPAC (Edificio Fontán, Cidade da Cultura) ata o 21 de febreiro de 2025.
A montaxe de O xacemento de O Corro dos Mouros (Adai, Lugo): Unha ollada ao Bronce Final en Galicia é responsabilidade da profesora da USC, Pilar Prieto Martínez, directora da intervención e membro do grupo de investigación EcoPast e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).