Unha investigación sobre a certificación das rutas xacobeas en Portugal revela a escasa implicación das comunidades locais

O estudo ‘Os Caminhos de Santiago em Portugal. Análise do processo de certificação’, realizado pola avogada e docente Maria João Moreira, revela un papel marxinal das comunidades locais no desenvolvemento das certificacións das rutas xacobeas no país luso porque non se propiciou a súa participación e educación e pola contra primáronse aspectos económicos e de promoción do turismo sobre os culturais. O traballo ten a súa orixe nun proxecto de investigación financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, cuxa creación é o resultado da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.

A investigación de Maria João Moreira analizou polo miúdo o proceso de certificación de itinerarios dos Camiños de Santiago en Portugal, centrándose na elaboración e implementación dos Plans de Xestión esixidos polo Decreto-Lei  51/2019, do 17 de abril, que regulou, explica a investigadora, “a valorización e promoción do Camiño de Santiago, a través da certificación dos seus itinerarios”. Actualmente existen cinco certificados, identificándose diferenzas nos modelos de xestión e participación dos axentes locais.

A certificación, como proceso de institucionalización, ten como obxectivo a valorización cultural e promoción turística dos itinerarios, ofrecendo garantías de calidade para as peregrinas e os peregrinos. Pero os resultados da pescuda apuntan a “unha desarticulación entre os axentes e unha coordinación limitada entre os municipios e as entidades de xestión”, segundo a profesora Moreira, que levou a unha falta de involucración das comunidades locais, que sería moi positiva para lograr que se vivira o proceso como propio.

A investigación, de carácter cualitativo, incluíu a análise dos plans de xestión, entrevistas coas entidades xestoras e os municipios, e recolección de información adicional realizada polo equipo de investigación. A pesar de haber aspectos positivos como a execución de accións como a identificación dos itinerarios e a súa promoción, afirma a investigadora, descoidouse a educación e capacitación das comunidades, o que reflicte un enfoque predominantemente turístico-económico.

A profesora Moreira identificou aspectos mellorables nas relacións entre as entidades xestoras das certificacións e dos plans de xestións das rutas xacobeas, especialmente á hora de establecer mecanismos claros de coordinación e de distribución de tarefas, e propón o desenvolvemento de actividades culturais específicas dirixidas ás comunidades locais, para que se integre de forma activa na xestión dos itinerarios a poboación que reside nas zonas polas que discorren.

Biografía
Avogada e docente convidada da Escola Superior de Educação do Politécnico do Porto, Maria João Moreira é doutora en estudos culturais pola Universidade do Minho, na que ademais é investigadora convidada do CEHUM, integrando o Grupo de Investigação Galabra da UMinho. Ten como área de interese no eido da investigación, as políticas públicas para a cultura, con foco no patrimonio cultural e neste, nos Camiños de Santiago. É, desde 2024, membro do ICOMOS de Portugal.