Hai 25 anos tiña lugar na cidade de Lugo un descubrimento arqueolóxico excepcional. Con motivo da reforma do Pazo de Montenegro para convertelo en sede da Vicerreitoría do Campus, atopáronse os restos dunha domus romana moi ben conservada que tiña un mitreo no seu interior. O achado tiña un valor científico notable, pois este templo dedicado ao deus Mitra é un dos escasísimos coñecidos na Península Ibérica e o mellor conservado, polo que se converteu en obxecto de estudo para a investigación internacional.
O Museo Universitario Domus do Mitreo conmemorará este acontecemento cun programa de actividades que abre co a exposición ‘Un achado excepcional: 25 anos da Domus do Mitreo’, que se inaugurou este venres no Pazo de Montenegro nun acto que presidiu o reitor Antonio López.
A través de 12 paneis con fotografías, moitas delas inéditas procedentes do arquivo do arqueólogo-director C. Rodríguez Cao, mostrarase a súa evolución desde a escavación ata a musealización. Deste xeito, poderá verse a complexidade da escavación e da restauración do seu material, a investigación e o museo actual.
A exposición permanecerá aberta no Pazo de Montenegro os meses de febreiro e marzo na sede do museo. A partir desa data trasladarase a outros centros da Universidade de Santiago así como ao museo do castro de Vilandonga.
Conmemoración dos 25 anos
O programa para conmemorar os 25 anos do descubrimento da Domus do Mitreo sucederase ao longo de todo o ano e inclúe desde actividades didácticas para os centros de ensinanza, obradoiros en familia impartidos por docentes da USC, ciclos de conferencias que divulgarán as últimas investigacións sobre a domus ou un coloquio internacional que convocará o mellor persoal investigador sobre os mitreos domésticos.