Unha das foodtruks de Galicia sabe AMAR ofreceu en Ribadeo o verdadeiro sabor e a excelente calidade dos produtos marítimo-pesqueiros

Ribadeo (Lugo), 15 de decembro de 2024

Unha das foodtrucks de Galicia Sabe AMAR instalouse este domingo en Ribadeo para ofrecer de forma totalmente gratuíta o verdadeiro sabor e a excelente calidade dos produtos marítimo-pesqueiros galegos. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, desprazouse ata a localidade mariñá, onde degustou e, sobre todo, compartiu impresións cos asistentes relativas á importancia de consumir peixe e marisco tanto para o impulso da cadea mar-industria, como polos beneficios proteicos que aporta á salubridade cidadá.

Ribadeo é así outro dos concellos galegos nos que as catro furgonetas están a percorrer o territorio galego para promocionar a dieta atlántica. No marco desta iniciativa elaboráronse un total de 13 receitas nas que o principal ingrediente é o produto local, dende o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou o berberecho de Noia. En definitiva, os peixes e mariscos amparados polo selo de calidade pescadeRías.

Esta acción, cuxa primeira edición tivo lugar no 2021, percorre os núcleos de máis de 1.000 habitantes e estará presente en eventos deportivos, culturais, festas gastronómicas ou centros de ensino ata outubro do 2025 realizando un total de 1.400 degustacións. O obxectivo é chegar tanto a maiores como á mocidade, na súa calidade de consumidores do mañá, promocionando as propiedades gastronómicas dos alimentos mariños e inculcando hábitos alimenticios saudables. 

Deste xeito, a iniciativa continúa renovándose co compromiso de por en valor a importancia socioeconómica do sector, a través da xestión sostible dos recursos e de garantir a trazabilidade e a seguridade alimentaria. Só na última edición se visitaron 762 concellos de toda España, onde se repartiron 792.000 petiscos con máis de 22.700 quilos de produtos do mar.

Deja un comentario