Narón (A Coruña), 27 de abril de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na entrega de premios do campionato provincial de dúatlon escolar que se levou a cabo no polígono das Lagoas, en Narón. A proba, organizada polo club AD Náutico Narón, desenvolveuse ao abeiro do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) para o curso 2024/2025 que promove a Secretaría Xeral para o Deporte.
A representante da Xunta destacou a importancia da práctica deportiva nas categorías de base de cara a afianzar hábitos de vida saudables e trasladou as súas felicitacións non só aos gañadores das diferentes categorías (benxamín, alevín, infantil e cadete) senón aos 300 deportistas de preto dunha vintena de clubs da provincia clasificados nas fases previas que participaron na competición.
O programa Xogade agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Administración galega (escolar e federada) co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlle á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade galega. A de dúatlon é unha das 16 modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar de Xogade este curso xunto ás de atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cros, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8 anos, natación, orientación, patinaxe artístico, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.