O Salón Artesoado do Colexio de Fonseca acolle a exposición ‘Narcisa e os monos voadores’, un proxectivo expositivo-colaborativo de investigación emocional, plástica e estética sobre o trastorno narcisista xestado por Ana Costas para oito artistas coa colaboración de Carlos Villanueva. A inauguración tivo lugar este martes presidida pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, e nela interviñeron tamén as artistas Ana Costas e Rita Mas e a psicóloga Cecilia Cardero.
A mostra consta de oito pezas, resultado da interpretación dos 8 conceptos que se lle asignou a cada artista e unha peza en audio que reproducirá en bucle a voz da súa propia creadora, Rita Más Ibáñez: interpretación da ‘Envexa’ por Montse Rego, do ‘Egoísmo’ por María Xosé Díaz, da ‘Mezquindade’ por María X. Fernández, da ‘Traizón’ por Ana Costas, da ‘Mentira’ por Ricardo de Campos, da ‘Vanidade’ por Ruth Lodeiro, da ‘Hipocrisía’ por Marita Carmona, da ‘Mediocridade’ por Alma Pérez, e da ‘Narcisa’ por Rita Más Ibáñez.
O narcisismo é un tema recorrente, presente e relacionado coa beleza, aínda que non a roce. O conflito que xera o debate da ‘Non Beleza’ manifestado a través da Arte, vén cuestionar a importancia ou non da mensaxe na expresión artística. Sobre todo isto pretende reflexionar o grupo de artistas intencionadamente ecléctico no que cadaquén parte dunha característica distintiva do narcisismo, contando co seu propio espazo, idea e acotación, á que pon os límites onde decide poñelos. A excepcional colaboración de Carlos Villanueva na selección da peza tras a voz da poeta Rita Más, pon o broche de ouro no elenco deste proxecto artístico.
Poderá visitarse ata o 26 de abril de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.


