Un novo espazo de co-creación e aprendizaxe fortalecerá o vínculo de Ciencias da Educación coa contorna educativa

Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias da Educación botou a andar este venres 23 o seu Polo Creativo, un espazo tecnolóxico de formación para as futuras xeración docentes que cursan estudos na USC. Este novo espazo de co-creación e aprendizaxe co que xa contan os colexios e institutos galegos e que agora se empraza por vez primeira nunha universidade, permitirá que o estudantado de Ciencias da Educación desenvolva a súa formación nun espazo equivalente ao que atoparán no resto do sistema educativo galego.

O reitor Antonio López Díaz e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inauguraron este espazo innovador vinculado aos coñecementos matemáticos e científico-técnicos pero que abarcará todas as áreas de coñecemento. No acto de presentación deste novo Polo, tamén participaron a decana do centro, Mar Lorenzo; o xerente da USC, Javier Ferreira; a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; e a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella.

Este Polo diríxese especialmente ao estudantado dos graos de mestre/a tanto en Educación Infantil como en Primaria, así como ás persoas que cursen os mestrados universitarios en Profesorado. Cómprese, así pois, cunha das premisas da Xunta de Galicia de abrir estes espazos, inicialmente pensados para os centros escolares, ao conxunto da comunidade educativa e da contorna, de tal forma que funcionen como núcleos dinamizadores deste ensino de vangarda promovendo actividades que traspasen as paredes dos centros educativos, mesmo implicando á veciñanza.

No caso de Ciencias da Educación, o Polo irá actualizándose constantemente para que o estudantado poida desenvolver a súa destreza docente e fomentar estratexias formativas nas que o futuro alumnado poida cultivar a reflexión, a creatividade ou o espírito crítico. Así por exemplo, nas vindeiras semanas, o Polo acollerá formación en materia de comunicación radiofónica para as futuras xeracións docentes e conta tamén cun robot para o ensino de linguas a través de Intelixencia Artificial.

A Consellería achega unha dotación completa de equipamento tanto para Primaria como para Secundaria por un valor de 30.000 euros, ao tempo que se encarga da formación do profesorado para sacarlle o máximo rendemento educativo ao material do que dispoñen. Pola súa parte, a institución compostelá encargouse de reformar o espazo físico onde se instalou o Polo, un espazo aberto de acordo coas directrices do plan de nova arquitectura pedagóxica para as infraestruturas educativas.  

Máis de 1.200 polos

Os Polos Creativos son espazos educativos innovadores dotados de equipamento especializado, para fomentar as competencias STEM e as vocacións científico matemáticas entre a cativada e a mocidade. Neles trabállase a creatividade a través da superación de retos tecnolóxicos e dixitais, a resolución de problemas ou a construción de prototipos, entre outros. Toda a actividade realízase de forma colaborativa, traballando en equipo, o que tamén fomenta a convivencia entre o alumnado. Na actualidade máis de 1.200 centros educativos contan con este servizo. O equipamento co que contan permite afondar en temáticas como a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual e a impresión 3D, as tecnoloxías de control computerizado e fabricación aditiva, o mecanizado de diferentes materiais, a electromecánica, a robótica e os microcontroladores, entre outras.

En liña coa vontade dinamizadora do Polo e coa vocación de establecer sinerxías coa contorna, nos vindeiros meses, Ciencias da Educación acollerá tamén material procedente do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega). 
 

De esquerda a dereita, Dulce María García Mella, María José López Couso, Javier Ferreira, Manuel Vila, Antonio López, Mar Lorenzo e Román Rodríguez. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Dulce María García Mella, María José López Couso, Javier Ferreira, Manuel Vila, Antonio López, Mar Lorenzo e Román Rodríguez. FOTO: Santi Alvite