Un estudo no que participa a USC mostra que o cultivo de millo a grande escala aumenta as precipitacións

O cultivo de millo a grande escala nas enormes extensións agrícolas do Cinto do Millo dos Estados Unidos (US Corn Belt) que compoñen ata trece estados do medio oeste e o sur do país afecta as precipitacións facendo que aumenten, segundo indica o estudo ‘US Corn Belt enhances regional precipitation recycling’. Do traballo, que publica esta semana a revista ‘Proceedings of the National Academy of Sciences’ dos Estados Unidos (PNAS) é coautor o profesor da Facultade de Física da USC Gonzalo Míguez Macho, xunto con especialistas dos Estados Unidos e China.

“Esa zona ten un clima continental onde a estación máis chuviosa é a estación cálida, primavera-verán, que se corresponde coa de crecemento das plantas. A chuvia desa época é frecuentemente en forma de tormentas convectivas, ás veces moi intensas”, explica o profesor da USC.

O que se descoñecía ata o de agora é en que medida influían os cultivos nas precipitacións, e iso é o que revela a investigación, tal como explica Gonzalo Míguez: “a gran cobertura de cultivos, sobre todo millo, moitas veces irrigados, fai que aumente de maneira apreciable a evaporación e transpiración, e este fluxo incrementado de vapor de auga cara á atmosfera a grande escala tradúcese nun aumento da precipitación. Hai un crecemento do que se chama a ‘taxa de reciclaxe’, é dicir, da parte da chuvia que provén da evaporación da rexión na que cae”.  

Segundo se sinala no artigo “o aumento na chuvia é atribuído a un significativo incremento da proporción de reciclaxe da precipitación desde 14 a 18%. Este incremento da reciclaxe é máis forte nun ano seco que nos anos normais e húmidos, dependendo tanto do transporte de humidade a grande escala como da evotranspiración local”.

Outra novidade que achega o traballo é subliñar a relevancia no ciclo da auga no Cinto do Millo estadounidense da hidroloxía subterránea e da xestión agrícola, “con implicacións moi importante para as predicións climáticas rexionais e para a seguridade alimentaria e hidrolóxica”.