A mellora no eido administrativo da atención do alumnado enfermo de cancro é unha das propostas que recolle a tese ‘La colaboración entre los profesionales para el desarrollo educativo de niños y niñas con cáncer’, defendida na USC por Carlos Loureiro Romero, quen tamén suxire lexislar asignando tarefas a unha persoa especialista en concreto, facilitarlles máis ás familias a solicitude do procedemento de atención hospitalaria ou domiciliaria e facelo de forma telemática.
O investigador recompilou un total de 39 propostas de mellora para os protocolos, correspondentes ás distintas temáticas traballadas na investigación: coordinación, documentación, comunicación, TIC, organización escolar, seguimento e avaliación, recursos e formación. Entre as melloras xerais suxire “establecer unha figura de coordinación multidisciplinar, ter unha plataforma telemática con información para todas as persoas participantes no proceso ou asinar convenios coas asociacións que desenvolven actividades para nenas e nenos con cancro”. E entre as do eido educativo, apunta, estarían “realizar actividades semanais coas compañeiras e compañeiros da aula, visitar o centro de forma esporádica cando o proceso de recuperación o permita ou manter a comunicación co resto de rapazas e rapaces por videoconferencias”.
Adaptacións
O investigador, que é docente de Primaria no Colexio Santo Domingo da Coruña, indica que en parte o feito de que se precisen melloras na coordinación do proceso sucede porque a lexislación non indica concretamente “quen ten que realizar a adaptación curricular ou a adaptación da programación, pois é moi abstracta» e ademais con diferenzas notables entre as autonomías, sendo “todos os protocolos diferentes” e dándose o caso ademais de que só hai un protocolo xeral de atención ao alumnado para calquera tipo de enfermidade que non ten en conta que no caso do cancro “hai unha porcentaxe de posibilidade de recaída”. Así, no caso de producirse esa recaída, sinala Loureiro, “as familias teñen que volver cubrir as solicitudes para atención educativa, facer todos os trámites de novo, e o alumnado pode ter un profesorado diferente, non ten por que coincidir, malia que sería recomendable”.
Diferenzas
Dirixida por Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernández Morante, a tese analiza o que sucede no eido educativo cando unha nena ou un neno enferma de cancro, en concreto as actuacións que desenvolven o centro educativo, docentes de atención educativa a domicilio, docentes de atención hospitalaria, familia e administración. Para documentar completamente o proceso, Carlos Loureiro recompilou información básica de como interviñan todas as persoas implicadas, comparou os protocolos existentes nas comunidades autónomas para Infantil, Primaria e os dous primeiros cursos da ESO e finalmente entrevistou docentes de centros hospitalarios e de atención domiciliaria, constatando que “moita da lexislación non se cumpre no día a día, non hai coordinación entre todas as partes”.