Santiago de Compostela
Entre os anos 2005 e 2022 o consumo de hipnosedantes pasou en España do 3,7% ao 9,7% da poboación. En concreto, as mulleres de máis de 55 anos son as maiores consumidoras destes medicamentos, tal e como evidencia o artigo ‘Consumption of hypnosedatives in Spain: characterization and time trends, 2005-2022’, no que se pon de manifesto como no ano 2022, un 20% das mulleres de entre 55 e 64 anos consumiron hipnosedantes. Con todo, o equipo investigador liderado dende a USC subliña que existe tamén “un aumento preocupante do consumo en poboacións máis novas”.
Na autoría do estudo publicado en Gaceta Sanitaria figuran as profesoras da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Mónica Pérez Ríos (investigadora principal do proxecto), Leonor Varela, Julia Rey e Cristina Candal; xunto con Carla Guerra e Ana Teijeiro, doutorandas da área, e Nerea Mouriño. O traballo que describe a evolución do consumo de hipnosedantes en España, conta co financiamento do Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade.
“Inactivas laboralmente”
“Os trastornos mentais representan un reto para a saúde pública pola súa alta prevalencia e o impacto na calidade de vida e morbimortalidade das persoas”, destaca a profesora Pérez Ríos. Neste senso, os resultados deste estudo sitúan España como unha zona de alta prevalencia de consumo de hipnosedantes. “A prevalencia de uso destes medicamentos está en aumento no noso país desde 2005, en todas as Comunidades Autónomas e grupos de idade”, destacan as investigadoras. Tal e como se desprende do estudo, as persoas usuarias de hipnosedantes son principalmente mulleres, de idade avanzada, cun nivel educativo básico ou intermedio, inactivas laboralmente, que non conviven en parella, nadas en España e consumidoras de tabaco ou cannabis.
“É crucial actualizar os plans autonómicos de adiccións, promover estratexias preventivas e a colaboración entre autoridades sanitarias, profesionais médicos e a poboación para abordar as desigualdades en saúde mental e asegurar unha atención adecuada e unha prescrición responsable”, explican as autoras do estudo. A investigación elaborouse a partir dos datos da Enquisa sobre Consumo de Alcohol e outras Drogas en España.