A calidade de vida é un recurso estratéxico clave para mellorar a competitividade das cidades. Así o pon de manifesto o artigo ‘Quality of life in cities: An outcome and a resource?’, publicado no European Research on Management and Business Economics e que é froito do traballo desenvolvido por persoal investigador da USC e da UDC. O traballo afonda en como a calidade de vida é moito máis que un fin en si mesmo xa que xera, á súa vez, unha serie de consecuencias que redundan no poder competitivo das urbes. Para chegar a esta conclusión, o equipo investigador avaliou as variables de transparencia, reputación, calidade de vida, competitividade e cidade intelixente en 50 cidades españolas capitais de provincia.
Que un espazo urbano sexa competitivo implica maior produtividade, ou o que é o mesmo, un tecido empresarial vizoso que xera, entre outros elementos, ingresos e emprego. Agora, o estudo liderado dende a Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo evidencia que o feito de gozar dunha boa calidade de vida non implica unha situación de acomodo por parte das cidades, senón máis ben todo o contrario: as cidades que viven mellor en termos de calidade, elevan o seu poder competitivo.
“No mundo actual, as cidades albergan máis do 50% da poboación, unha porcentaxe que seguirá aumentando nas próximas décadas”, sinalan dende o equipo investigador. Segundo previsións de Nacións Unidas, esta porcentaxe alcanzará o 68% en 2050. Esta crecente importancia do papel das cidades chamou a atención tanto das autoridades públicas como do mundo académico sobre cuestións como a gobernanza dos espazos urbanos, a calidade de vida ou a competitividade das cidades. “O noso estudo sitúa a calidade de vida non só como un resultado importante, senón tamén como un recurso estratéxico capaz de mellorar a competitividade das cidades”, destacan. “Neste sentido, os gobernos poden utilizar a avaliación comparativa tratando de descubrir que políticas se implementan nas cidades con taxas de calidade de vida máis altas e poñelas en práctica nas súas respectivas cidades”, engaden. Dende esta perspectiva e a xuízo do equipo investigador, que os gobernos deseñen políticas para que a cidadanía viva mellor ten un impacto directo no desenvolvemento económico da zona en cuestión.
O estudo contribúe a mellorar o coñecemento sobre a calidade de vida nas cidades, profundando non só nos seus antecedentes, senón tamén nos seus resultados. Por unha banda, exponse como a calidade de vida nunha cidade pode verse impulsada por recursos de gobernanza como a transparencia e a reputación; mentres que doutra banda, proponse que a calidade de vida pode verse como un recurso estratéxico que conduce a unha maior competitividade da cidade, o que á súa vez pode actuar como un indutor dun maior índice de cidade intelixente.
O traballo é o primeiro artigo emanado da tese de doutoramento de María J. Pazos García, doutoranda no programa Economía e Empresa da USC. Figuran como coautores os profesores da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Vicente López López e Guadalupe Vila Vázquez, ademais da profesora de UDC, Susana Iglesias Antelo. A tese de María J. Pazos García afonda na calidade de vida nas cidades, os seus determinantes e consecuencias, e garda relación con varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, entre eles o ODS 11, lograr que as cidades sexan más inclusivas, seguras, resilientes e sostibles.