Santiago de Compostela
A proporción de eucaliptos é o factor principal na diminución da avifauna forestal autóctona no Noroeste da Península Ibérica. Esta é a principal conclusión do artigo ‘Eucalyptus cover as the primary driver of native forest bird reductions: Evidence from a stand-scale analysis in NW Iberia’ no que un equipo investigador da USC integrado por Fernando García-Fernández, María Vidal, e Jesús Domínguez, xunto a Adrián Regos da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, comparou 240 parches de bosque autóctono e eucaliptal.
«A expansión das plantacións de eucalipto no Noroeste da Península Ibérica —que en Galicia xa cobren o 30 % da superficie forestal— transformou drasticamente a paisaxe e expón serias ameazas para a biodiversidade”, explican dende o equipo investigador. Nun recente estudo realizado no Parque Natural das Fragas do Eume, o persoal investigador analizou como as características da vexetación afectan á comunidade de aves forestais.
Tal e como se desprende do estudo, os resultados son contundentes: “as plantacións de eucalipto albergan moitas menos especies e exemplares de aves que os bosques nativos, e o factor máis determinante deste declive é o propio eucalipto, pola súa escasa oferta de alimento e refuxio”, sinalan. Nin sequera os exemplares máis grandes poden substituír o papel ecolóxico das árbores autóctonas maduras.
Neste contexto, o equipo investigador propón unha solución de xestión: incorporar franxas de vexetación libres de eucaliptos dentro das plantacións, onde a vexetación autóctona poida desenvolverse libremente. “Isto favorecería a biodiversidade e ao tempo podería mellorar a produtividade forestal grazas ao control biolóxico de pragas por parte das aves insectívoras», matizan.
A investigación publicada en Forest Ecology and Management evidencia que a presenza de árbores autóctonas maduras é fundamental e que os eucaliptos maduros non substitúen o papel ecolóxico das árbores autóctonas maduras.