A Universidade de Santiago e a Fundación César Manrique veñen de asinar un contrato de asesoramento para a realización dunha exhaustiva investigación co fin de determinar os impactos sociais, económicos e enerxéticos do desenvolvemento eólico (terrestre e mariño) na illa de Lanzarote.
A docente da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira, investigadora do IDEGA e do grupo de investigación de Bioeconomía, Economía Ecolóxica e Recursos Naturais da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, será a encargada de dirixir o equipo de investigación, que estará formado por persoal universitario e profesionais independentes con recoñecida experiencia no sector. Ademais, incorporaranse as achegas de todos os axentes implicados no desenvolvemento eólico e de entidades como o CSIC, o Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigacións Mariñas de Noruega, entre outras.
A folla de ruta da eólica mariña en España considera a construción de parques eólicos mariños en cinco demarcacións, sendo unha delas a canaria, ao tempo que se localizan parques eólicos terrestres en diferentes enclaves do arquipélago. “Neste sentido, e dado o obxecto social da Fundación César Manrique, o coñecemento do impacto global destas actuacións é fundamental para o futuro sustentable e ecolóxico dese territorio e da illa de Lanzarote en particular”, tal e como explica Regueira.