Un equipo de Bioloxía desenvolverá ferramentas para detectar a distribución da alga asiática invasora en Galicia

Rugulopteryx okamurae é unha alga asiática invasora causante de graves impactos que se detectou por primeira vez en Galicia no verán de 2024 nalgunhas zonas da costa da Coruña. Coa fin de proporcionar ferramentas que permitan avaliar a distribución desta especie Galicia de forma rápida e práctica, a Universidade de Santiago pon en marcha un proxecto coa Consellería do Mar. A tal fin, este martes o reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presentaron os detalles desta colaboración.

A través do acordo para a realización do proxecto ALGASDET, de máis de 200.000 euros e un prazo de execución de tres anos, implementarase unha ferramenta para facilitar a detección de R. okamurae estudando o ADN de mostras ambientais (auga, sedimento). Ademais, crearase unha base de datos de secuencias de ADN, determinarase o mellor fragmento do ADN para detectar R. okamurae, analizarase a sensibilidade do método e avaliarase a distribución actual da invasora en Galicia. A ferramenta será transferida ás institucións encargadas de monitorizar as costas galegas.

Tal e como explican as coordinadoras do proxecto ALGASDET ‘Novas ferramentas para detectar a alga invasora Rugulopteryx okamurae mediante ADN ambiental’, “urxe coñecer a súa distribución en Galicia, pero detectala é difícil polo seu parecido a un alga nativa e porque crece maioritariamente no submareal”.

Ademais de coñecer a evolución actual desta especie no territorio, con este acordo búscase informar o sector pesqueiro sobre este novo problema para tentar que a especie non se expanda por toda a costa galega a curto prazo debido ao descoñecemento dos riscos inherentes ás actividades pesqueiras. Para iso, impartiranse charlas e obradoiros para sensibilizar non só o sector senón tamén a sociedade sobre a problemática relacionada con R. okamurae, e para ensinar como recoñecer a invasora.

As actuacións realizaranse en colaboración coa Universidade da Coruña, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, e as Confrarías de pescadores da Coruña, de San José (Cangas) e a ‘La Anunciada’ (Baiona).
 

O reitor e o conselleiro asinaron o protocolo do proxecto. Foto: Santi Alvite
O reitor e o conselleiro asinaron o protocolo do proxecto. Foto: Santi Alvite