A Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) mantén aberta a primeira convocatoria de Expresións de Interese para o EUniWell Champions Scheme. A iniciativa diríxese a persoal investigador sénior interesado en asumir un rol de liderado a curto prazo na promoción da misión de EUniWell, tanto dentro como fóra desta alianza europea de universidades.
Nesta convocatoria seleccionaranse nove persoas que actuarán como embaixadoras de EUniWell, co obxectivo de promover o benestar, fomentar a colaboración entre as comunidades académicas e axudar a definir as direccións estratéxicas do consorcio. Pódese presentar persoal investigador sénior contratado actualmente na Universidade de Santiago de Compostela ou nalgunha das institucións tamén membro de EUniWell como Colonia, Constanza, Florencia, Inalco, Linnaeus, Murcia, Nantes ou Semmelweis.
As persoas seleccionadas recibirán un orzamento de ata 15.000 euros para apoiar as súas actividades durante un período de seis meses. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 28 de febreiro ás 17:00 horas e o resultado final anunciarase antes do 30 de abril.
O EUniWell Champions Scheme é un programa coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela como parte dos cometidos do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento, e que lidera no marco do proxecto EUniWell-Weff da alianza EUniWell.