Tres reporteiros gráficos gazatís revelan a realidade de Gaza na Igrexa da Universidade

O traballo dos reporteiros gráficos gazatís Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salama, que documentaron os actos do exército israelí desde a propia Gaza ofrecendo unha visión real sobre os crimes contra a humanidade alí perpetrados, pode coñecerse dende este martes 4 e ata o 31 de marzo na Igrexa da Universidade na mostra ‘Gaza: o eco dos esquecidos’.

A exposición, organizada pola Universidade de Santiago e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas no marco da Cátedra que comparten, busca ademais destacar as vítimas, os “esquecidos”, os seres humanos con nome e apelidos que en moitas ocasións só atraen a atención dos medios de comunicación de masas, mostrando a súa vida cotiá e o impacto real do masacre nas súas vidas.

A mostra abre oficialmente na tarde deste luns 3 nun acto no que participan o reitor da USC, Antonio López Díaz; o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González Rodríguez; e o comisario e a comisaria da mostra, Cibrán Meléndez Cabo e Estela Pintos Tourón.

No acto intervén ademais o profesor de Economía Aplicada da USC e experto en xestión cultural e economía da cultura, Francisco Javier Sanjiao Otero, que presenta a Cátedra USC-Araguaney para o Diálogo entre Cultura da que é co director xunto con Jesús Núñez, codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Axuda Humanitaria (IECAH) e experto en relacións internacionais e mundo árabe, e que comeza a súa andaina con esta mostra. A Cátedra ten por obxecto fomentar a transferencia de coñecementos co achegamento entre as culturas española e galega e as culturas árabes, mediterráneas e hispanoamericanas; a creación de foros de reflexión e debate sobre as dinámicas interculturais das sociedades contemporáneas; e a posta en marcha de actividades nos campos das expresións culturais, a formación e a investigación académica.

A exposición
‘Gaza: o eco dos esquecidos’ pretende rachar coa barreira disposta “desde a maioría dos medios tradicionais” á hora de mostrar a información “converténdoa nunha guerra discursiva de dous bandos cunha clara desigualdade entre eles, na que o gran público queda cos “ecos”, as pequenas pinceladas que se mostran nos informativos e sen coñecer en profundidade a realidade dun conflito que está a acabar cun pobo enteiro”, explican os organizadores.

26 fotografías, o documental Hospital Al Shifa: os crimes soterrados cedido pola televisión Al Jazeera, vídeo-testemuños dos reporteiros gráficos e unha creación artística compoñen esta mostra que poderá visitarse en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

A montaxe estrutúrase seguindo os diferentes aspectos que mostran a complexidade do xenocidio desde as perspectivas descritas polos tres fotoxornalistas palestinos e desde distintas ópticas: histórica, atemporal, xornalística, fotográfica, informativa e audiovisual, o que permitirá ao visitante obter unha “visión integral, poliédrica e multidisciplinar” do conflito.

Deste xeito, o percorrido parte do contexto, desde os seus comezos ata o actual xenocidio, para pasar de seguido ás persoas e as súas vivencias e continuar coa realidade do pobo gazatí e a chegada dos paquetes humanitarios: as casas, as colas da fame, os seus pasatempos e os movementos migratorios. Remata o proxecto co documental e a reprodución dos testemuños dos fotoxornalistas.

Os autores
Mohammed Zaanoun é reporteiro gráfico independente gazatí de 38 anos. Dende o comezo do asedio total da Franxa de Gaza fotografou a devastación de Gaza baixo as bombas israelís e as súas fotos son testemuño do terror dos civís que son branco dos bombardeos israelís.

Abu Salama é un xornalista e fotógrafo palestino da cidade de Gaza. Aboud describe a través das súas fotografías a tráxica situación que presencia en Gaza. Establece unha comparación entre os momentos de alegría previa á guerra e a tristeza posterior. O soño gazatí converteuse simplemente en durmir e espertar con vida.

Ahmed Zakot é natural da cidade de Gaza. Cubriu as catro guerras na Franxa de Gaza, así como a súa vida cotiá e a vaga de divisións e disputas internas. Traballa como operador de cámara independente para moitas institucións de ONG na Franxa, traballando na coordinación e cobertura das súas actividades e proxectos.
 

A nave central da Igrexa ocúpaa unha creación artística deseñada con sudarios. Foto: Santi Alvite
A nave central da Igrexa ocúpaa unha creación artística deseñada con sudarios. Foto: Santi Alvite