Traloagro erixiuse como gañador do XXV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, segundo deu a coñecer esta tarde, no Pazo de Montenegro de Lugo, o xurado encargado de emitir o ditame deste galardón convocado de maneira conxunta polo Grupo Aresa e a USC. Como explicou o reitor Antonio López na rolda de prensa posterior á xuntanza do xurado, Traloagro foi seleccionada como proposta gañadora “pola súa aposta polo desenvolvemento sostible, a busca de solucións diversas para poñer en valor o rural e polo seu impacto na sociedade como proxecto”. Xunto coa gañadora, de entre un total de 13 propostas que concorreron ao galardón, tamén foron seleccionadas finalistas Biogás-Frigoríficos Bandeira e Gandería Quintián.
O xurado desta edición estivo composto polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; o CEO de Torre de Núñez, José Manuel Núñez Torre; e o exreitor e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Senén Barro Ameneiro. O Premio está dotado cunha achega de 10.000 euros e un diploma.
Na mesma rolda de prensa, a presidenta de Aresa, Carlota López, expresou o agradecemento do grupo á USC, así como a José Manuel Núñez e a Senén Barro “por formar parte do xurado deste premio que, despois de vinte e cinco edicións, continuamos organizando con moita ilusión”. Así mesmo, destacou que esta edición será especial para todo o grupo porque “o Premio celebra o seu vinte e cinco aniversario e tamén porque servirá de homenaxe ao meu tío, Álvaro Rodríguez Eiras, falecido este mes de xaneiro e verdadeiro impulsor desta iniciativa nuns tempos nos que o rural non era un foco mediático”. Lembrou que Álvaro Rodríguez quixo no seu día crear este galardón para “devolverlle ao agro parte do que o agro lle daba e lle segue dando á nosa empresa e para recoñecer aquelas iniciativas que apostan polo traballo e a vida no rural”.
Nesta mesma liña, o reitor Antonio López fixo tamén unha lembranza á figura de Álvaro e salientou que “desde a Universidade farase o posible para que a gala do Premio Aresa sexa recordada, precisamente na súa memoria”. A gala de entrega celebrarase o vindeiro 21 de febreiro na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
Candidaturas presentadas
Xunto con Traloagro, presentáronse como candidatos desta edición: Chichalovers, Agrolistik, Aldealista, Asociación Fonte do Milagro, Asociación Mariñas Betanzos, Cátedra do Pan e do Cereal, Proxecto H2GZ Área Viveiro, Muvicla, Asociación Raíña Paraíso, Biogás-Frigoríficos Bandeira, Foro Emprendemento Rural e Gandería Quintián.