Lugo
“Cunha oferta basal en estudos de grao consolidada, dende a Facultade estaremos abertos a participar en novas iniciativas que permitan aproveitar as sinerxías que nos ofrece o Campus Terra, contribuíndo con outros centros a xerar valor”. Con estas verbas definiu o profesor Roberto Bande o que será un dos seus retos primordiais de cara aos vindeiros seis anos á fronte do decanato da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. O profesor Bande tomou posesión do seu cargo nun acto que tivo lugar este mércores 5 e que estivo presidido polo reitor Antonio López Díaz. A secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, foi a encargada de dar lectura ao nomeamento de Roberto Bande como decano.
Inserción laboral
“A Facultade de ADE ten unha oferta de grao asentada, razoable e que está funcionando”, destacou o reitor, quen puxo o foco no posgrao como o ámbito no que “podemos ser máis áxiles”, de cara a formular posibles novos títulos. De feito, Antonio López abordou a necesidade de incrementar “a continuidade” de grao a mestrado como unha peza clave á hora de facer fronte a retos futuros para a Universidade como pode ser a evolución demográfica. Tamén no eido dos desafíos, o reitor puxo o foco en como, máis alá do número de estudantes, é preciso valorar as titulacións por outras variables como a inserción laboral das persoas egresadas ou a demanda de profesionais por parte do mercado de traballo.
No relativo á carreira investigadora, Antonio López destacou que dende o Campus Terra estase a realizar un esforzo por acoller contratos pre e post doutorais coa intención de que o persoal investigador xermole en Lugo unha carreira investigadora con vocación de permanencia na capital lucense.
Calidade
O mantemento dunha oferta docente “atractiva para a sociedade”, así como “acadar niveis de calidade excelente na docencia, que permitan ao noso estudantado acceder aos mellores postos de traballo” son os dous grandes retos sobre os que se asentará o mandato do profesor Bande. Para conseguilo, tal e como destacou o profesor no seu discurso, haberá que acometer a renovación da certificación de implantación do Sistema de Garantía Interno de Calidade e da Acreditación Institucional, ferramenta que “contribuíu de xeito decisivo a unha mellora na formación do noso estudantado e que se está a traducir nunha inserción laboral moi exitosa”.
O profesor Bande realizou un percorrido polo que foi o seu primeiro mandato, catro anos nos que a Facultade se erixiu nun “centro cheo de vida universitaria, no que se imparte docencia de calidade, se realiza investigación de vangarda e se transfiren os resultados da devandita investigación á sociedade e ao tecido produtivo”, a pesar das múltiples dificultades xurdidas como consecuencia da pandemia por mor da COVID-19. “Anos intensos, pero moi ilusionantes, nos que puidemos comprobar como pouco a pouco a facultade de ADE volveu a encherse co estudantado e o profesorado”, engadiu.
O decano reflexionou tamén sobre o proceso de reforma estatutaria no que se atopa inmersa a USC, tal e como establece a nova lei que regula o Sistema Universitario, así como na normativa en materia de mobilidade ou na estabilización do profesorado, todos eles “grandes retos” que esixirán “esforzo e dedicación” por parte do conxunto da comunidade universitaria.
Currículo
Roberto Bande é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC (1996), mestrado MSc in Economics polo Birkbeck College da University of London (1997), doutor en Economía pola USC (2002) e Premio Extraordinario de Doutoramento. Na actualidade, e dende o ano 2022, é profesor titular de universidade no departamento de Fundamentos da Análise Económica, no que leva desenvolvendo a súa actividade docente e investigadora dende que comezou os seus servizos na USC no ano 1998. Dende hai sete anos imparte docencia de xeito regular na Facultade de ADE, aínda que tamén tivo encargo docente en diferentes cursos na Facultade nos últimos vinte anos.
No eido investigador, ten recoñecido tres tramos de investigación e un de transferencia por parte da Comisión Nacional de Avaliación da Actividade Investigadora (sexenios), ten dirixidas sete teses de doutoramento (todas elas avaliadas coa máxima cualificación), e foi o coordinador na USC do Programa de Doutoramento Internacional Interuniversitario en Ciencias Sociais e Envellecemento entre 2020 e 2024.
Equipo
Ademais do profesor Bande, integran o equipo de goberno a vicedecana de Calidade, Marta Portela Maseda; a vicedecana de Comunicación e Relación co Ensino Medio, Guadalupe Vila Vázquez; e o secretario académico, Luis Ignacio Rodríguez Gil. O profesor Roberto Bande foi reelixido nos comicios que se desenvolveron no mes de novembro de 2024 co 95% dos votos a favor e 1 voto en branco.