Ribadeo (Lugo), 18 de abril de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este Venres Santo na II Degustación do Mexillón de Rinlo, organizada pola asociación de veciños O Cantal, en colaboración co Concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar. A praza de San Pedro volveu a converterse así, por segundo ano consecutivo, no punto de encontro no que visitantes e veciños saborearon este produto estrela, recordando con elo a tradición desta vila mariñeira, cuxa arquitectura evoca o pasado dun pobo que viviu e vive do mar.
O responsable autonómico subliñou o compromiso do Goberno galego coa promoción e comercialización deste molusco, pois cada vez está a ter tamén un peso máis relevante na acuicultura galega. Tal é así que é o primeiro produto do mar que obtivo a Denominación de Orixe Protexida e o único de toda España. Por este motivo, para Villares a Xunta non podía faltar a un evento coma este, amosando así o compromiso que ten coa actividade marítimo-pesqueira galega e, dun xeito máis preciso, tamén coa local. A dragaxe do porto, cun investimento de 2,4 millóns de euros, a pavimentación do de Rinlo, o acceso ao porto de Mirasol ou a renovación de luminarias, acreditan a aposta de Mar, a través de Portos de Galicia, pola mellora das infraestruturas portuarias e, con elo, polo impulso da actividade que xeran.