Lugo
Os Premios Rafael Crecente encaran a súa VIII edición coa vontade de inspirar a innovación na xestión territorial. A convocatoria 2025 goza dun especial significado xa que coincide co décimo aniversario do pasamento do profesor Rafael Crecente que dedicou a súa traxectoria profesional a tratar de responder á pregunta “que facemos coa terra?”, sempre cunha mirada holística e inclusiva. A variedade de propostas recibidas e premiadas ao longo destes sete anos de vida do galardón, dan boa conta dos múltiples enfoques existentes e necesarios para abordar esta cuestión tan complexa. Este é o motivo polo que se seguen a recoñecer iniciativas innovadoras de xestión territorial relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial, en sentido amplo, en Galicia. O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de setembro.
Unha das novidades desta edición é a ampliación do perfil das candidaturas. Poderá concorrer aos premios calquera persoa que obtivera a súa titulación universitaria (grao, mestrado ou tese de doutoramento) nos últimos 10 anos. Tamén o poderán facer candidaturas colectivas nas que a persoa representante da proposta cumpra esa condición. No caso de estudantado de dobre grao, poderá concorrer se xa ten un dos dous Traballos Fin de Grao (TFG) aprobados. As persoas candidatas poderán concorrer ao Premio con traballos académicos (fin de grao, mestrado ou tese) ou ben con ideas orixinais, iniciativas ou proxectos en fase de proposta ou xa executados. En todo caso, deberá destacarse o seu carácter novidoso, explicando onde reside a compoñente de innovación.
Os Rafael Crecente buscan ideas innovadoras que poidan inspirar e mellorar a xestión territorial en Galicia, mais o ámbito das propostas non se circunscribe á devandita comunidade autónoma. Neste sentido acéptanse propostas de fóra deste territorio, a condición de que se detalle e faga referencia explícita á súa aplicabilidade e/ou viabilidade no contexto galego. Por exemplo, indicando en que medida a proposta é replicable en Galicia, cal pode ser a achega da idea ao contexto galego, ou que factores poden favorecer ou dificultar a súa aplicabilidade. As persoas candidatas deben enviar a súa proposta ao enderezo premio.rafaelcrecente [at] usc.es (premio[dot]rafaelcrecente[at]usc[dot]es). O acto de entrega de galardóns está previsto para o xoves 16 de outubro de 2025, en Lugo.
O profesor Crecente
Os premios son convocados anualmente dende 2017 pola Universidade de Santiago de Compostela a través do Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural (IBADER) e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe). Trátase dunha homenaxe ao labor desenvolvido por Rafael Crecente Maseda, docente do departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo e considerado coma un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia.
Foi impulsor e coordinador do grupo de investigación Territorio – Biodiversidade, no que se integrou boa parte de profesorado e persoal investigador do Campus de Lugo e puxo en marcha a primeira plataforma tecnolóxica sobre Sistemas de Información Xeográfica e información territorial, o Sistema de Información Territorial (SIT).