Psicoloxía lidera un estudo lonxitudinal para favorecer o axuste dos adolescentes no sistema educativo e delimitar perfís de risco do fracaso e o abandono escolar

Dende hai dous anos, investigadoras do grupo de investigación UNDERISK (Unidade de investigación das condutas de risco e os trastornos do desenvolvemento) da Facultade de Psicoloxía desenvolven o estudo lonxitudinal ‘Factores asociados ao axuste e o progreso académico na adolescencia: o papel do apoio social percibido e a autorregulación da aprendizaxe’ (ARASAC), que acaba de entrar na súa recta final. Durante este curso académico prevén realizar a segunda avaliación de seguimento de aproximadamente 1.000 adolescentes de diferentes centros de Educación Secundaria Obrigatoria de Galicia.

O proxecto de investigación lidérao a profesora Carolina Tinajero Vacas, do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC, e ten como obxectivo central avanzar na comprensión das interconexións entre o apoio social percibido (ASP), a aprendizaxe autorregulada (AAR) e o axuste académico (rendemento e persistencia/abandono escolar) e psicosocial (autoestima, satisfacción coa vida, dificultades comportamentais e emocionais) durante a adolescencia.

Unha das aspiracións do estudo é poder delimitar perfís de risco para o fracaso e o abandono escolar. Asemade, preténdese poder sentar as bases para perfilar pautas e programas de intervención dirixidos a favorecer o axuste dos e das adolescentes inmersas no sistema educativo, dotándoas de competencias para responder ás crecentes demandas formativas da denominada ‘sociedade do coñecemento e a aprendizaxe continua’ e contribuíndo a paliar as dificultades que puidesen entorpecer o seu desenvolvemento vocacional e integración social.

Avances na autorregulación da aprendizaxe
Ao longo do mes de decembro o equipo de investigación do proxecto recibiu a visita dos investigadores Daniel Ríos, da Universidade de Santiago de Chile, e Christian Hederich, da Universidade Autónoma de Manizales de Colombia. En diferentes xornadas, o persoal investigadores das tres universidades tiveron a oportunidade de discutir con eles os avances nas liñas de estudo que están desenvolvendo sobre a autorregulación da aprendizaxe.

Ríos investiga nos ámbitos da avaliación educativa, focalizándose na participación do estudantado universitario nos procesos avaliativos a través da autoavaliación, coevaluación e avaliación de pares, como técnicas favorecedoras das habilidades de reflexión e autorregulación da aprendizaxe. Tamén estudou as competencias avaliativas de docentes universitarios, no marco do desenvolvemento de currículo por competencias.

Pola súa banda, Christian Hederich, investigador senior e membro do grupo de investigación Estilos Cognitivos, traballa en temas relacionados coa psicoloxía educativa, especialmente nos relacionados coa aprendizaxe, a autorregulación e os estilos cognitivos.

O proxecto ARASAC recibe unha axuda da convocatoria Xeración do Coñecemento do programa ‘Para impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia financiada polo Ministerio de Ciencia, innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación así como con fondos FEDER.