Propoñen melloras na xestión das Indicacións Xeográficas transfronteirizas para que actúen como verdadeiros vectores de desenvolvemento rexional

As Indicacións Xeográficas (IX) ou Denominacións de Orixe outórganse a determinados alimentos que gozan dunha reputación de calidade baseada nas condicións ambientais e humanas do medio xeográfico no que se producen. Investigadores da Universidade de Santiago acaban de publicar na revista internacional Territory, Politics, Governance un estudo pioneiro sobre as IX de carácter transfronteirizo, aquelas que son compartidas por varios países.

Os investigadores parten da realidade de que as áreas definidas para a produción de alimentos amparados por ese signo moi raramente superan os límites entre países. Poñen como exemplo producións de viño albariño situadas en ambas marxes do río Miño que se regulan baixo dúas IX distintas en función do lado da ribeira: no lado galego a Denominación de Orixe Rías Baixas e, no lado portugués, a Denominación de Orixe Vinhos Verdes. “Tras un precedente illado no caso do Whisky Irlandés, que se estableceu en 1980 como a primeira IX transfronteiriza para o conxunto da illa de Irlanda, as IX transfronteirizas comezaron a xurdir paseniño nos últimos anos da man das regulacións europeas comúns na materia que contemplan a súa creación”, explican, á vez que conclúen que a falta de cooperación nas IX transfronteirizas limita o seu gran potencial como vectores de desenvolvemento económico rexional. “A falta de institucións comúns e barreiras mentais dificultan unha xestión conxunta destas figuras”, aseguran.

O estudo dos investigadores Rubén Boga, Valerià Paül e Juan M. Trillo, do Departamento de Xeografía, é o primeiro que analiza empiricamente a efectividade de dúas destas primeiras IX transfronteirizas aprobadas en Europa. En concreto, aplicaron técnicas cualitativas con produtores e xestores das Indicacións Xeográficas Protexidas ‘Vedella dos Pirineos’ e ‘Rosée dos Pirineos’ para tenreira, partilladas entre España e Francia, e da Denominación de Orixe Protexida ‘Istria’ para o aceite de oliva, partillada entre Eslovenia e Croacia. Tras a análise, demostraron que o establecemento destas tres IX non obedeceu a ningunha estratexia conxunta entre os actores situados en cadansúa marxe das fronteiras internacionais “senón ás disputas e reclamacións legais en torno aos topónimos ‘Pirineos’ e ‘Istria’, compartidos entre os países implicados”, explica Rubén Boga. Segundo algunhas das testemuñas dos actores implicados, a aprobación destas IX transfronteirizas estivo máis relacionada cunha mediación política que coas necesidades dos produtores destas áreas.

Os investigadores observaron ademais que, unha vez establecidas, ningunha das tres IX foi quen de estimular a cooperación dos produtores situados a un lado e outro das fronteiras en cuestión. “Funcionan coma se se tratasen de IX convencionais e independentes”, aseguran. E entre os motivos que explican a falta dunha xestión verdadeiramente conxunta destas IX inclúen a ausencia de estruturas institucionais comúns, a falla de interese en manter unha comunicación fluída entre as partes e a existencia de mercados diferenciados a cada carón das fronteiras. Os distintos sistemas burocráticos, normativas e institucións propios de cada país serían outras razóns que apuntan como complicación para unha posible xestión conxunta. Por último, os autores sinalan que as diferenzas estruturais en cuestións como a dimensión, capitalización e organización das explotacións agrarias, así como o apoio público, poden xerar diferenzas competitivas que desalenten os produtores situados en desvantaxe.

Obrigada cooperación transfronteiriza
De darse unha xestión “verdadeiramente conxunta” destas IX, os autores sinalan unha serie de vantaxes, como por exemplo unha maior proxección internacional a través de campañas publicitarias que salienten o carácter transfronteirizo e a reputación común destas producións. Ven ademais posibilidades ás IX para beneficiarse de economías de escala e dun maior acceso a fontes de financiamento, así como para explotar as fortalezas endóxenas das rexións, como por exemplo a alta tecnoloxía das almazaras de aceite existentes en Istria. Porén, apuntan, “a pesar destas vantaxes potenciais, nos casos estudados prevalece unha sorte de barreiras mentais que fan percibir as fronteiras como entidades impenetrables”.

Para os autores, a funcionalidade destas IX transfronteirizas podería estimularse co establecemento de estruturas de xestión conxunta (aspecto recentemente emendado pola propia Unión Europea) e a programación de sesións informativas sobre as vantaxes económicas derivadas da cooperación transfronteiriza para estas producións de calidade. Por último, os investigadores chaman a unha maior integración das distintas políticas de cohesión da Unión Europea para maximizar o seu impacto. “Sería acaído, por exemplo, que as IX transfronteirizas se puidesen beneficiar do programa Interreg e dos fondos destinados á promoción da cooperación transfronteiriza”, advirten.