Premio Aresa, un cuarto de século a prol do desenvolvemento rural de Galicia

Lugo

O Premio Aresa de desenvolvemento rural acaba de chegar aos seus 25 anos de vida. O recoñecemento a Traloagro “pola súa aposta polo desenvolvemento sostible, a busca de solucións diversas para poñer en valor o rural e polo seu impacto na sociedade como proxecto” engádese á longa listaxe de iniciativas distinguidas ao longo dun cuarto de século “a prol da riqueza e da xeración de emprego nos ámbitos agrícola e gandeiro de Galicia”, tal e como destacou o reitor Antonio López Díaz. 

O galardón, froito da colaboración entre a USC e Aresa, premia empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outra entidade “que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega”. A historia deste premio, sinalou o reitor, “é un mapa de fitos claves para comprender o avance do rural galego, os grandes pasos, as iniciativas fundamentais que revolucionaron e seguen a transformar o sector agrogandeiro, todas elas baixo o selo do Premio Aresa”. Este recoñecemento, subliñou Antonio López, “é historia pero tamén é horizonte de futuro para o rural en Galicia”. 

Acto de entrega

O Auditorio da Facultade de Veterinaria acolleu este 21 de febreiro a entrega da vixésimo quinta edición dun galardón que recolleron Isabelle e Tito Gómez Rodríguez, socios fundadores de Traloagro, e que está dotado cunha achega de 10.000 euros e diploma acreditativo. O reitor Antonio López Díaz presidiu a sesión na que tamén participaron a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; e a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez. O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López, en calidade de secretario do xurado, deu lectura ao ditame. Tamén integraron a mesa presidencial José Manuel Núñez, director de Torre de Núñez, e Senén Barro Ameneiro, director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), que xunto ao reitor, vicerreitor e presidenta de Aresa conformaron o xurado.

Durante a sesión, o profesor Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e ex reitor da USC, pronunciou o relatorio  ‘IA? Ti vai facendo’. No transcurso do acto, fíxose entrega dunha insignia conmemorativa a todas as candidaturas premiadas ao longo destas 25 edicións do galardón, ademais de proxectarse unha peza audiovisual conmemorativa.

Lembranza

O recente pasamento de Álvaro Rodríguez Eiras, fundador de Aresa e impulsor do galardón “nuns tempos nos que o rural non era un foco mediático”, tal e como destacou Carlota López, impregnou un acto no que a lembranza do seu legado estivo moi presente. Álvaro Rodríguez quixo no seu día crear este galardón para “devolverlle ao agro parte do que o agro lle daba e lle segue dando á nosa empresa e para recoñecer aquelas iniciativas que apostan polo traballo e a vida no rural”, destacou a actual presidenta de Aresa.

Palmarés

Na traxectoria deste premio, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria da USC (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), e Moexmu (2023). 

No transcurso do acto, fíxose entrega dunha insignia conmemorativa a todas as candidaturas premiadas ao longo destas 25 edicións do galardón
No transcurso do acto, fíxose entrega dunha insignia conmemorativa a todas as candidaturas premiadas ao longo destas 25 edicións do galardón