A Coruña, 20 de marzo de 2025
O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, reuniuse hoxe co patrón maior da Confraría de Pescadores de Fisterra, Joaquín Fábregas, e representantes do pósito para analizar as necesidades en materia portuaria de cara a posibles colaboracións entre ambas partes co ánimo de mellorar a xestión e as condicións de traballo dos usuarios dos espazos administrados por Portos de Galicia.
Esta planificación busca a posta en marcha de demandas transmitidas por parte do sector e que xa se están vendo materializadas coa licitación das obras de reposición da cuberta e acondicionamento do edificio dos departamentos no porto de Fisterra. Álvarez informou aos responsables do pósito fisterrá que dita tramitación se atopa en fase de estudo técnico das ofertas e a previsión é que poida estar adxudicada nos vindeiros meses.
Desde Portos de Galicia, recordou-se que as obras consisten na reposición da actual cuberta para evitar a filtración de humidades e o acondicionamento dos elementos metálicos do conxunto da envolvente, dado o estado de corrosión en que xera a súa forte exposición ao ambiente mariño. Ademais executarase unha nova rede soterrada de evacuación das augas pluviais e substituiranse os canlóns e baixantes. O ente autonómico conta dun orzamento de 332.000 € para proceder á execución das obras que se realizarán durante o ano en curso.