Lugo, 9 de maio de 2025
Os mellores pilotos de motocross do mundo disputarán mañá e o domingo en Lugo o Gran Premio de España, que patrocina a Xunta de Galicia, e unha representación deles protagonizaron esta tarde un encontro cos afeccionados na praza Pío XII, asinando autógrafos e facendo fotos coas persoas que se achegaron a coñecelos.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, aproveitou para desexarlles sorte na proba lucense, incluída no calendario do campionato mundial e na que participarán máis de 160 deportistas en diferentes categorías. Ademais da oitava cita do Mundial de MXGP, tamén terán lugar as probas da segunda categoría de MX2, da feminina WMX e do campionato europeo EMX250.