A catedrática do Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Peregrina Quintela Estévez, recolleu na tarde deste xoves en Madrid o IX Premio Julio Peláez a Científicas con Liderado Cívico que lle concedeu a Fundación Tatiana.
O premio, creado no ano 2016, recoñece mulleres pioneiras polas súas destacadas contribucións á ciencia nos campos da física, a química ou as matemáticas. Deste xeito, quixo premiar nesta ocasión que a profesora Quintela Estévez foi impulsora da Red Española Matemática-Industria (math-in), da que é presidenta fundadora. Tamén participou na fundación do European Service Network of Mathematics fuere Industry and Innovation (IU-MATHSIN, 2013), a cuxo consello de dirección pertence. A carreira da profesora Quintela foi tamén recoñecida pola Xunta de Galicia co Premio María Josefa Wonenburger no ano 2016.
Foi ademais directora do Departamento de Matemática Aplicada da USC (2004-2008), coordinadora do Nodo CESGA do Proyecto Ingenio Mathematica (i-MATH, 2006-2012) e unha das fundadoras do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) que dirixiu ata o ano 2021, cando esa entidade científica se integra na estrutura do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), no que é investigadora vinculada.
