Na tarde do martes 8 de xaneiro de 1974 iniciábanse na Facultade de Medicina compostelá as clases para o estudantado da primeira promoción da licenciatura de Pedagoxía na Universidade de Santiago. Autorizárase de modo provisional o inicio do curso malia que non fora creada oficialmente aínda a Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, pois para isto habería que agardar ata a primavera de 1975.
En lembranza deses 50 anos dos estudos de Pedagoxía en Galicia desenvolveuse este luns no Colexio de Fonseca un acto de conmemoración organizado pola Facultade de Ciencias da Educación e presidido o reitor Antonio López, quen estivo acompañado pola decana do centro, Mar Lorenzo; a directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández Morante; a decana da Facultade de Psicoloxía, María José Sampedro; o decano de Filosofía, Xavier de Donato, e o primeiro decano da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, Carlos Baliñas Fernández. Asistiron así mesmo a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella; a vicerreitora de Política Científica Pilar Bermejo, e o secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación, José Alberto Díez de Castro, así como boa parte da comunidade educativa de Ciencias da Educación.
Talento
Mar Lorenzo salientou o feito de que Ciencias da Educación, onde se imparten actualmente dez titulacións é a segunda facultade da USC con máis estudantes e hoxe, coma antano, “o talento recunca nas nosas aulas”, pero chega tamén “a novos espazos educativos” que se encontran nas empresas, nos hospitais ou mesmo en centros penitenciarios, sempre procurando participar na construción “dunha sociedade que aspira a ser cada vez máis xusta e equitativa”.
A decana apostou por unha facultade baseada “en reflexionar e compartir, que son as características que nos definen como comunidade académica” e tivo unhas palabras en recordo de Ana Suárez González, a estudante do centro que finou a semana pasada, e que consideraba a súa etapa universitaria “como a máis feliz da súa vida”.
Memoria
O profesor Baliñas, a quen definiu o reitor como “memoria viva da historia da Pedagoxía en Galicia” impartiu unha conferencia sobre o nacemento destes estudos en 1974 na USC, na que debuxou o panorama social e educativo dos primeiros anos setenta, cun réxime político “agonizante” que permite ampliar os estudos universitarios como forma de evitar conflitos sociais. O primeiro decano do centro fixo tamén un percorrido polos primeiros tempos dos estudos de Pedagoxía e citou os nomes das persoas pioneiras que puxeron en marcha estas ensinanzas.
Monográfico
Tras a conferencia de Carlos Baliñas presentouse o monográfico publicado na ‘Revista de Innovación Educativa’ dedicado ao ‘50 aniversario dos estudos de Pedagoxía en Galicia (1974-2024)’, coa intervención da directora do ICE Carmen Fernández Morante, e dos profesores da USC Miguel Anxo Santos Rego, José Antonio Caride Gómez e José Felipe Trillo Alonso. Na presentación do monográfico a profesora Fernández Morante puxo en valor o feito de que Pedagoxía é “unha titulación de gran relevancia social, única en Galicia, que evolucionou á luz dos tempos con dinamismo e singularidade e que permitiu formar máis de 5.000 profesionais” ata o momento.
Tras esta presentación tivo lugar a intervención de Aurora Varela Duro, representante da primeira promoción da Licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación (1974-1978), que lembrou algúns dos momentos vividos na época, e de Luis Carrera González, da promoción do Grao en Pedagoxía (2020-2024). Clausurou o acto o reitor Antonio López partindo da historia das cinco décadas de Pedagoxía e poñendo o foco nos proxectos futuros para a Facultade de Ciencias da Educación.