Os Valentín Paz Andrade recoñecen traballos sobre furtivismo e modelos de input-output

O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES) entregaron este venres en San Xerome os XI Premios de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade, nas modalidades de tese de doutoramento e artigo científico, categoría esta última na que tamén se concedeu un accésit. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López, que estivo acompañado polo director do IDEGA, Rubén Lois, e o presidente do CES, Manuel Pérez.

Todas as autoridades coincidiron en subliñar a calidade e a orixinalidade dos traballos premiados así como a importancia da transferencia de coñecemento que se realiza dende as universidades galegas, e en concreto dende a USC, da que estes premios son mostra. “A investigación é o camiño”, dixo o presidente do CES, e “a transferencia do coñecemento desa investigación no ámbito das ciencias sociais é ademais o que nos permite ter unha sociedade máis xusta”, engadiu o director do Idega. Pola súa banda, o reitor manifestouse “orgulloso” da investigación realizada dende a USC, “con aplicación no noso país á vez que con vontade de proxectarse internacionalmente”, co “principal ánimo de que o sector público teña un coñecemento rigoroso da nosa realidade e poida así tomar as mellores solucións”, dixo.

Furtivismo
O premio a traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas foi para o artigo Estimating illegal catches in data-poor S-fisheries: Insights from multispecies shellfish poaching in Galician small scale fisheries, da autoría de Hugo M. Ballesteros, Eduardo Sánchez Llamas e Gonzalo Rodríguez Rodríguez e publicado este ano na revista Marine Policy.

Ademais do seu rigor académico, o xurado destacou deste traballo a relevancia da temática e a novidade de abordar un estudo sobre o furtivismo no sector marisqueiro no litoral galego. Trátase dunha análise cuantitativa robusta dun conxunto de actividades opacas, de difícil contabilización pola economía formal, e que necesitan ser coñecidas en profundidade. Para o xurado, “os estudos que axuden a comprender actividades económicas dificilmente observables en actividades como o marisqueira, que na actualidade mostra problemas ambientais e de decrecemento dos seus rendementos, permite sentar as bases dun modelo de desenvolvemento sustentable, necesario para as nosas áreas costeiras”. Conclúen os membros do tribunal deliberador que “a análise científica do furtivismo constitúe unha aposta innovadora, que neste traballo se basea nunha investigación ben fundamentada teoricamente e apoiada en múltiples datos”.  

Novos modelos metodolóxicos
Na modalidade de teses de doutoramento, recolleu o premio Fernando de la Torre Cuevas pola súa investigación Expanding hybrid approaches to construct  (Inter)regional input-output models. O xurado estimou “a calidade metodolóxica da investigación, que combina dous modelos de análise clásicos en economía, pero ben diferenciados”.

Por unha banda, abórdase un estudo teórico baseado na economía rexional, “cun manexo moi destacado dos conceptos e das últimas actualización rexistradas neles”. Por outra, a tese trata na segunda parte unha aproximación de base matemática, “complexa e impecable”, ao cálculo das táboas input-output de alcance rexional. “Isto é, a tese consegue despregar os dous sistemas analíticos máis arraigados nas ciencias económicas, en principio diferenciados, pero que logra manexar con extraordinaria coherencia ao logo de todo o traballo”, concluía o xurado.

IXP de queixo
Ademais, na categoría de artigos científicos o xurado coincidiu en outorgar un accésit a Rubén Boga e Valerià Paül por Because of its size, it’s not worth it!’: The viability of small-scale geographical indication schemes, publicado na revista Food Policy. O traballo aborda o estudo comparativo de dúas Indicacións Xeográficas Protexidas de queixo de Galicia e Eslovenia, “a súa sólida fundamentación e o manexo excelente das técnicas cualitativas de análise”.    

O xurado
O xurado estivo formado polo reitor compostelán Antonio López, que presidiu; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; o director do IDEGA, Rubén C. Lois González; o secretario xeral do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Martínez Varela; o catedrático emérito da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe; e o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Xoán R. Doldán García.

Os premiados co presidente do CES (diante, á esquerda), o reitor da USC e o director do IDEGA. Foto: Santi Alvite
Os premiados co presidente do CES (diante, á esquerda), o reitor da USC e o director do IDEGA. Foto: Santi Alvite