O certame audiovisual Findecurta chega á súa décima edición. A xuntanza que tivo lugar o pasado venres 21, na Casa do Saber, serviu de punto de partida para unha das accións culturais da USC máis consolidadas na sede universitaria lucense e que se desenvolve no marco da programación da Primavera Cultural. Un total de sete grupos déronse cita na reunión na que se deu a coñecer o reto ao que deberán facer fronte os traballos presentados e que, este ano, xira arredor da temática ‘amor, amar, amor’. Os equipos teñen de prazo ata o martes 25 para finalizar e entregar a curta que deberá realizarse integramente en tempo real, do 21 ao 25 de marzo.
Na reunión, ademais do ámbito temático que debe impregnar os traballos presentados, facilitáronse unha serie de coordenadas xeográficas que tamén deberán acubillarse en cada unha das pezas audiovisuais que concorran ao certame e que en ningún caso deberán superar os sete minutos de duración. Unha vez coñecidas as condicións que cada curtametraxe deberá ter ou que deberán aparecer nela, os equipos puxéronse mans á obra.
Tal e como establecen as bases, calquera traballo creativo previo á xuntanza do día 21 está prohibido. Isto inclúe escribir o guión, ensaios, vestiario, deseño de escenario, rodaxe, edición, deseño de son, renderización, dar saída á cinta ou outros medios. Ningún material de arquivo ou filmación previa poden ser utilizados. A proxección e entrega de premios desenvolverase nun acto aberto ao público o vindeiro 25 de abril. Outorgaranse dous galardóns: un primeiro de 350 euros, e un segundo (Premio do Público). Os dous recoñecementos supoñen a participación na Semana de Cine de Lugo para optar ao Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.