O grupo de investigación Laboratorio de Realidades Intanxibles (IRL) do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) organiza o martes 20 de maio unha xornada dedicada ao estudo dos psicodélicos desde unha perspectiva científica e interdisciplinar. O evento reunirá a expertos internacionais para analizar como estas substancias están a transformar o noso entendemento sobre a saúde, a mente e a experiencia humana, poñendo o foco nas súas aplicacións terapéuticas, cognitivas e sociais. A cita, de 16.00 a 19.00 horas, será na Facultade de Medicina e para asistir é preciso inscribirse previamente.
A sesión comezará coa intervención do profesor experto en ciencias do comportamento Pedro Teixeira, da Universidade de Lisboa, que presentará evidencias recentes que suxiren que o uso de psicodélicos —fóra do contexto clínico tradicional— pode asociarse a melloras sostibles en hábitos de vida como a alimentación, o exercicio físico, o sono ou a meditación. Estes beneficios, xunto con impactos positivos a nivel psicolóxico e social, dan lugar a un novo campo de estudo emerxente como é o da Saúde Pública Psicodélica.
A continuación, a doutora Débora González presentará os resultados dun estudo clínico pioneiro sobre a eficacia da combinación de ayahuasca e terapia centrada na reconstrución de sentido en persoas en duelo severo. Os datos mostran que esta intervención é segura e máis eficaz que os enfoques tradicionais, logrando melloras relevantes en sintomatoloxía, calidade de vida e crecemento postraumático.
Pechará a xornada o doutor Chris Timmermann, da University College London, unha das figuras máis destacadas na investigación neurocientífica sobre psicodélicos. Na súa charla afondará no potencial do DMT e do 5-MeO-DMT para deconstruír a percepción do eu, o tempo e o espazo, xerando experiencias transformadoras con implicacións terapéuticas e filosóficas. Presentará tamén resultados que amosan sorprendentes semellanzas entre estes estados alterados de conciencia e prácticas meditativas avanzadas.
Tras as intervencións, abrirase un espazo de diálogo moderado polo investigador vinculado do CiTIUS David Glowacki, no que o público poderá intervir e compartir impresións cos relatores.
O LRI
O Laboratorio de Realidades Intanxibles contén unha mestura ecléctica de científicos computacionais, enxeñeiros, filósofos e artistas, todos traballando para responder preguntas e resolver problemas na interface da tecnoloxía, a ciencia e a estética. Actualmente céntranse na aplicación de tecnoloxías de realidade virtual, aprendizaxe automática e informática de alto rendemento para transformar conceptos abstractos invisibles como «enerxía», «moléculas» ou «espírito» en experiencias tanxibles, interactivas, inmersivas e multisensoriales.