Os mellores expedientes da FP en Galicia recibiron a homenaxe da USC

Lugo

A USC rendeu tributo este martes 10 aos máis de 200 estudantes que logo de completar os seus respectivos ciclos superiores de FP cunha nota media de sobresaínte, se matricularon na Proba de Acceso á Universidade (PAU). O Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo foi o escenario no que se desenvolveu este acto institucional, presidido polo reitor Antonio López Díaz, que serviu para poñer en valor a Formación Profesional como unha vía máis de acceso ao Sistema Universitario de Galicia.  

Ampliar a formación nas aulas da USC é agora un dos posibles horizontes de futuro para este colectivo preuniversitario. “Acabades de culminar unha magnífica formación que agora vos conecta directamente coa Universidade”, explicou o reitor. “Cada vez é máis frecuente ver estudantado universitario que decide enriquecer a súa formación cun ciclo e, ao revés, estudantado que opta primeiro pola FP e que ao rematar decide cursar un grao. Estes vasos comunicantes son un camiño de intercambio e de riqueza”, engadiu Antonio López Díaz.

Alén do reitor, participaron no acto Dulce María García Mella, secretaria xeral da USC; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización;  Francisco José Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo; María Teresa Flores Arias, delegada do reitor para o Ensino Medio; Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra; Miguel Fernández Méndez, alcalde do Concello de Lugo; e José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo.

O acto contou tamén coas intervencións de Antonio Poceiro Couto, estudante do IES Frei Martín Sarmiento, en representación do estudantado; e de Carolina Varela Caamiña, directora do IES Lamas de Abade, en representación dos docentes.