Os concertos do Xacobeo apoian unha nova edición do Festival de la Luz que entregou os fondos solidarios recadados o pasado ano

A Coruña, 23 de abril de 2025

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participou esta mañá no entrega dos  fondos recadados na pasada edición do Festival da Luz a favor de Agaela e a diferentes entidades locais de Boimorto.  A madriña do evento, Luz Casal, quixo agradecer este fito tan especial a todos os que o fixeron posible: asistentes, artistas, patrocinadores e un longo etc. de persoas que cada ano colaboran e apoian o festival para que este cita sexa posible.

No acto fíxose entrega do cheque de 101.525€ a Agaela, que se encarga de axudar ás máis de 150 familias con enfermos de ELA diseminadas pola comunidade galega. A esta cifra súmase 2.500€ para Cruz Vermella Coruña e 6.500€ para diferentes entidades de Boimorto que promoven a cultura e o deporte e dinamizan a comunidade, entre elas, a creación da primeira escola musical da localidade, que leva como nome ‘Escola Musical Festival de la Luz de Boimorto’.

Ademais, durante o acto tamén se anunciou que nesta edición 2025, o festival apoiará á Federación de Sociedades Musicales de la Comunidad Valenciana para axudar ás entidades musicais afectadas pola DANA.

O Festival de la Luz, co apoio da Xunta no marco dos Concertos do Xacobeo, volverá iluminar Boimorto os día 29, 30 e 31 de agosto de 2025, con catro escenarios, máis de 60 artistas, zona infantil con programación durante todo o día, espazo Mahou con experiencias showcooking, zona de Mercado con máis de 30 expositores de toda a provincia, propostas sostibles e unha chea de actividades paralelas para vivir unha completa experiencia no festival.

Desde o seu inicio, o Festival de la Luz mantén a súa esencia e a súa filosofía orixinal, converténdose nun referente do eclecticismo musical e nun espazo familiar para gozar da música nun recinto cheo de experiencias para todos os gustos, tal e como mostran as primeiras confirmacións do cartel: Rozalén, Califato ¾, Ariel Rot, Heredeiros Da Crus, Depedro, Dulce Pontes, Coti, Ultraligera, Vivir Quintana, Mafalda Cardenal, Los Toreros Muertos, Triana, Mondra, Amatria, Queen Forever Tribute, Rebelión No Inframundo, La Tremendita, Cometa, Kike M., Melifluo, Malva, Celia Becks, Quinkillada, Boyanka Kostova, Bma, Broken Peach, Tregua, A Banda Da Balbina, Los Jinetes Del Trópico, Orzán, Mártires Del Rock & Roll, Los Limones, Riff Raff, Santiaguiños De Boimorto, Grande Osso e máis por confirmar.

A programación do Festival de la Luz 2025 rompe coa tendencia dos line ups deste verán, presentando un cartel ecléctico e sorprendente que enriquece o panorama musical con propostas de estilos moi distintos.

Concertos do Xacobeo

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado pola Axencia Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Caudal Fest, o Río Verbena, o Festival de la Luz e máis de medio centenar de festivais, ciclos e concertos imprescindibles nunha vintena de localidades de toda Galicia.

Máis de 500 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo que terán lugar en máis de 20 localidade da Comunidade.

Toda a programación pódese consultar en www.concertosdoxacobeo.gal.

Deja un comentario