Lugo
A arte e a investigación arredor do castiñeiro serven de eixo para a programación que desenvolve ao longo do mes de novembro a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC, co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura. Mostras e divulgación científica integran un programa de actividades aberto ao conxunto da comunidade universitaria e da sociedade en xeral.
Mostras
O escultor Xoán Vila (Lugo, 1958) especializouse nas esculturas de madeira cun estilo expresionista libre. Agora, a súa obra pode verse no corredor do Pavillón Central da EPSE. Cunha extensa formación artística en escultura e técnicas de volume, a súa obra foi exposta en numerosos museos e galerías tanto a nivel estatal como internacional, e recibiu múltiples premios e recoñecementos pola súa creatividade coa madeira. As súas pezas realizadas en madeira de castiñeiro poden contemplarse xa na EPSE, onde permanecerán ao longo do mes.
A investigación arredor do castiñeiro centra a outra mostra acubillada no Pavillón Central do centro. Neste caso, diversos pósters serven de ilustración para achegar de xeito gráfico as diversas liñas de traballo que se desenvolven arredor desta árbore grande da familia das fagáceas.
Pílulas científicas
O Salón de Actos da EPSE será escenario, o vindeiro 6 de novembro, a partir das 12.00 horas, dunha sesión de pílulas científicas na que se abordará o castiñeiro dende diversas perspectivas. ‘Castiñeiros monumentais de Galicia’ será o título da intervención que levará a cabo o profesor Antonio Rigueiro. Pola súa parte, Santiago Pereira abordará a orixe e diversidade das variedades de castiñeiro na comunidade, mentres que Fina Lombardero acometerá o desenvolvemento de elicitadores de defensa en castiñeiro do país. As variedades e híbridos de castiñeiro cultivados, microenxertados e conservados in vitro, será o aspecto no que profunde Juan Luís Fernández; mentres que Emilio Díaz galará dos soutos como “sistemas socio-ecolóxicos multifuncionais”. O colofón correrá a cargo de Xoán Vila coa pílula titulada ‘Imaxínate que es un castiñeiro nun bosque’.