Lugo
Os bosques, piares da seguridade alimentaria e a nutrición mundial, son o sustento de millóns de familias. Subministran alimentos esenciais como froitos, sementes, raíces e carne silvestre, recursos fundamentais para as comunidades indíxenas e rurais. Con todo, a súa función vai moito máis alá da alimentación. Os bosques son unha fonte vital de enerxía, proporcionando madeira para cociñar, xogando un papel chave na agricultura ao albergar polinizadores e actuando no enriquecemento dos solos, a regulación do clima e a conservación da biodiversidade. Ademais, tal e como se desprende da declaración publicada polas Nacións Unidas, as concas forestais fornecen de auga doce a máis do 85 % das principais cidades do mundo.
Con esta filosofía por bandeira, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) quixo conmemorar este venres 28 o Día Internacional dos Bosques 2025 cunha plantación simbólica de plantas de carballo que tivo lugar na localidade lucense de San Fiz. O vicerreitor de Organización e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o adxunto para o Campus de Lugo, Antonio Álvarez; a directora da EPSE, Rosa Romero; e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto a unha nutrida representación de profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos do centro, participaron activamente nunha plantación que por motivos meteorolóxicos non puido realizarse o pasado 21 de marzo, que é cando en todo o mundo se conmemora esta efeméride.
En situacións de crises, os bosques convértense nun salvavidas económico e alimentario, chegando a achegar ata un 20 % dos ingresos familiares en zonas rurais e garantindo dietas saudables, continúa o relato das Nacións Unidas. Pero estes ecosistemas están en perigo. Cada ano pérdense 10 millóns de hectáreas de bosques por mor da deforestación e outros 70 millóns son devastados por incendios. “Protexer e restaurar os nosos bosques é urxente e necesario: deles depende o benestar do planeta e das xeracións futuras”, sinala a organización. Por este motivo, o Día Internacional dos Bosques 2025 desenvolveuse baixo o lema ‘Bosques e alimentos. O futuro da alimentación comeza nos bosques!’.
