Oito galegas pioneiras abren un novo 8M reivindicativo na USC

A Universidade de Santiago comezou este martes 4 co seu programa de actividades culturais e reivindicativas para conmemorar o 8M Día Internacional das Mulleres, que terá o seu acto institucional central o luns 10. Foi no Claustro Alto de Fonseca onde se inaugurou a mostra ‘8 mulleres galegas que moveron os marcos’, organizada pola Biblioteca Universitaria e que recolle o perfil de mulleres pioneiras, con moi diversas traxectorias vitais, cuxo denominador común é ter sido quen de internarse en territorios reservados, polo común, aos homes.  

A apertura da exposición contou coa participación do reitor Antonio López e da directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal, así como doutras autoridades académicas e civís e numeroso público asistente. A mostra consiste en oito paneis dedicados a esas pioneiras cos que a Biblioteca da USC quere contribuír a poñer en pé de igualdade as súas figuras. Trátase dun “mínimo botón de mostra documental” da intensa actividade dalgunhas destas mulleres, explicou no acto Mabela Casal, para quen “continúa a ser necesario sacar á luz mulleres que non se resignaron e abriron camiños a xeracións posteriores”.

As protagonistas da mostra son Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira da que se ten noticia; Maruxa Villanueva, actriz, cantante e emprendedora teatral en Galicia e alén do Atlántico; Elisa Patiño, a primeira aviadora galega e unha das primeiras en Europa; María Wonenburger, investigadora en álxebra e primeira muller española que obtivo unha bolsa Fullbright; María Luz Morales, primeira directora dun xornal en España; Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora dun dispositivo precursor do libro electrónico; Concepción Pérez Iglesias, mestra e primeira alcaldesa de Galicia e unha das primeiras de España, e María Barbeito, educadora que achegou precozmente a Galicia as máis modernas teorías pedagóxicas que se estaban a xestar en Europa.

O reitor, que felicitou a Biblioteca por esta iniciativa, quixo lembrar nesta apertura que o 8 de marzo que dende o ano 1910 é o Día Internacional das Mulleres é “tamén” para a Universidade “unha data con especial significado xa que foi ese mesmo día e ese ano cando se publicou na Gaceta de Madrid a Real Orde que permitía as mulleres acceder á Universidade sen necesidade de autorización previa”.

8 libros 8 mulleres
Á vez que se inaugura esa mostra, chega tamén ao claustro alto de Fonseca a titulada 8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo, que remata a súa andaina despois dun ano de itinerancia polas facultades e bibliotecas dos campus de Lugo e Santiago. Deste xeito, a mostra de mulleres pioneiras que se inaugurou este martes marchará o día 28 de marzo de Fonseca para comezar o mesmo percorrido que a súa antecesora.

Extensa programación en centros
Ademais destas exposicións e do acto central do día 10 en Fonseca, os distintos centros universitarios comezan este mércores 5 coa súa programación reivindicativa. Así, a comisión de actividades culturais, igualdade, normalización lingüística e participación estudiantil da Facultade de Xeografía e Historia organiza xunto co CGAC unha visita guiada por Mar Caldas á exposición ‘Mulleres, traballo e memoria’. Pola súa banda, a comisión de Xénero da Facultade de Filosofía xunto coa Asemblea de Estudantes convida ás 11.00 horas á ‘mullerenaxe’ mensual no vestíbulo do centro,  coa actualización da listaxe de vítimas da violencia de xénero e a inauguración da instalación ‘Senta na cadeira a unha filósofa’.

Xa o xoves 6 o CIFEX, a comisión de Igualdade da Facultade de Filoloxía e a Asociación de veciñas de Vite organizan ás 19.00 horas no salón de graos da Facultade de Filoloxía unha proxección dun audiovisual sobre a performance Re sistencias da artista Ana Gesto.

Equidade de xénero
‘Avances, loitas e desafíos no camiño cara á equidade de xénero’ é o título da mesa redonda que organizan o comité de xénero e a dirección de iMATUS para o venres 7 ás 17.00 horas na que participarán a xuíza Ana López-Suevos Fraguela, a catedrática Laura Lojo Rodríguez, o profesor da USC Jorge García Marín e a investigadora Lorena Maneiro Boo. Tamén o venres, ás 17.30, o Arquivo Universitario presenta o proxecto ‘Pioneiras da USC: un proxecto web e dúas biografías’, un repositorio que pretende divulgar as biografías das mulleres que foron relevantes nos estudos universitarios ben como estudantes, docentes ou investigadoras, ao tempo que permite dar a coñecer a través dos documentos dixitalizados de acceso público o rico patrimonio documental custodiado tanto nos arquivos das distintas Universidades como nos Arquivos Estatais.

Pola súa banda, o ECOBAS organiza ese venres a xornada de portas abertas ‘Social research for gender equality’ para dar a coñecer relevantes achegas sobre as fendas que persisten na sociedade en materia de igualdade. Será ás 12.00 horas en Ciencias Económicas e Empresariais.

Programa do día 10 nos centros
Ademais da celebración do acto central ás 12.00 horas no Colexio de Fonseca, o programa de actividades do 10 de marzo continúa coa segunda edición do mural Homenaxe a Mulleres destacadas no ámbito das RRLL e RRHH que organiza a Facultade de Relacións Laborais, e coa entrega de premios do IX Concurso de TFG sobre Enxeñaría e Muller Rural que se desenvolverá ás 12:30 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Lugo.

Ese mesmo día a Facultade de Filosofía organiza ás 11.00 horas a procesión performativa con Concepción Arenal ‘Filósofas á rúa’ con lectura do manifesto e a continuación a proxección e cinefórum da película As sufraxistas. Xa o día 11 ás 16.30 horas terá lugar o obradoiro colaborativo de carteis ‘As filósofas que nos fan falla’ que dous días máis tarde se colocarán nas paredes da facultade.

Humanidades e Ilga
Tamén no mes de marzo, a Facultade de Humanidades acollerá o día 17 ás 12.00 horas a charla ‘Páxinas rebeldes: o poder das librarías feministas e a voz das mulleres’ sobre a posta en marcha e xestión dunha libraría feminista, que estará precedida dunha visita guiada polo persoal da Biblioteca Intercentros aos fondos da súa colección de Xénero.

Pola súa banda, o Instituto da Lingua Galega da USC desenvolverá o día 27 o segundo faladoiro do seu ciclo de conversas coas mulleres do ILG. Nesta ocasión contarán, ás 12:00 horas na biblioteca, con Alba Aguete Cajiao, profesora axudante doutora da Área de Filoloxía Románica da Universidade de Salamanca e colaboradora no Instituto da Lingua Galega, quen nos falará do seu labor investigador e docente desde a súa perspectiva como muller.
 

A directora da Biblioteca Universitaria (segunda pola dereita) e o reitor, posando co resto de autoridades. Foto: Santi Alvite
A directora da Biblioteca Universitaria (segunda pola dereita) e o reitor, posando co resto de autoridades. Foto: Santi Alvite