Un novo estudo realizado no emblemático xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo) centra o seu foco na fauna e na información paleoclimática e paleoambiental que pode achegar. O artigo Landscape and subsistence in NW Iberia during the Middle Palaeolithic (MIS 3): Faunal analysis of Cova Eirós (Triacastela, Galicia, Spain), publicado na revista internacional Journal of Archaeological Science: Reports ofrece unha nova perspectiva acerca do territorio no que viviron os derradeiros neandertais de Galicia, amosando a existencia dun medio considerablemente máis frío pero cun réxime de precipitacións similar ao actual.
A investigación está liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), e por Iván Rey Rodríguez, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Traballan tamén nela o investigador principal do proxecto, Ramón Fábregas Valcarce (USC, CISPAC), Arturo de Lombera Hermida (UNIOVI, CISPAC), Mikel Díaz Rodríguez (UVIGO, CISPAC), Carlos Fernández Rodríguez (ULE) e Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (URV, IPHES-CERCA).
O traballo ofrece a análise de máis de 1,000 restos fáunicos recuperados no Nivel 3 do xacemento, o cal presenta unha antigüidade de en torno aos 41,000 anos. Nesta época os neandertais aínda ocupaban as Serras Orientais de Galicia, explotando unha ampla variedade de recursos entre os que o cervo era a súa principal presa, pero non a única, pois mesmo se detectou a explotación intencional de osos das cavernas. Este estudo serviu para comprobar que estes grupos neandertais tiñan unha gran mobilidade polo territorio, do que facían un uso extensivo e se aproveitaban do feito de que a cova se atope nun ecotono (a fronteira entre distintos ecosistemas), o que proporcionaba acceso a un maior número de recursos.
Ademais de abordar as estratexias de subsistencia neandertais, o principal feito a destacar deste artigo é que ofrece unha reconstrución aproximada das condicións climáticas ás que se enfrontaron estes cazadores-recolectores. A partir da información ecolóxica que achegan as máis de 30 especies identificadas na cova -varias delas extintas a día de hoxe, coma o mamut laúdo- os investigadores puideron deducir unha temperatura media anual sensiblemente inferior á actual, cun descenso medio de -3 ºC; mentres que as precipitacións se mantiveron bastante elevadas, cunha diferencia de tan so 150 mm anuais menos que na actualidade.
Isto permitiu que se mantivera unha comunidade vexetal relativamente importante, cun medio dominado por bosques de baixa densidade intercalados con pradarías húmidas nun momento no que na maior parte da Península Ibérica dominaban o frío e a aridez, o que convirte as Serras Orientais de Galicia nun auténtico refuxio climático que permitiu a supervivencia dos grupos neandertais ata momentos máis recentes que noutras zonas do norte peninsular.
A investigación enmárcase nos proxectos de investigación desenvolvidos no xacemento con financiamento do Ministerio de Ciencia do Gobierno de España e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

