Un equipo de investigadoras da Universidade de Santiago e do Idis conseguiu obter modelos preditivos moi precisos para diagnosticar a periodontite. Fixérono a partir da aplicación de algoritmos de intelixencia artificial na análise dos grandes volumes de datos obtidos dunha secuenciación concreta dos microbiomas da placa dental supraxinxival, subxinxival e a saliva.
A investigación, que representa un importante avance cara a odontoloxía personalizada e de precisión, foi promovida pola coordinadora do grupo de investigación en Ciencias Odontolóxicas (OSRG) da USC e do Idis e da Unidade Clínica e de Investigación en Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais, a catedrática da USC Inmaculada Tomás. As autoras do estudo son as contratadas predoutorais Berta Suárez Rodríguez, Alba Sánchez Barco e Iryna Kuz e as doutoras Alba Regueira Iglesias e Triana Blanco Pintos.
O estudo enmárcase nunha das liñas de investigación máis consolidadas con financiamento público do Instituto Carlos III e a Xunta de Galicia e con maior traxectoria do grupo liderado pola profesora Tomás, quen dende hai máis dunha década se enfocou nos obxectivos relacionados coa identificación de biomarcadores bacterianos e moleculares para o diagnóstico de enfermidades orais mediante tecnoloxías ómicas.
Para Inmaculada Tomás, os resultados desta investigación “confirman a capacidade do microbioma oral para servir como biomarcador no diagnóstico da periodontite, unha enfermidade con alta prevalencia e repercusións importantes para a saúde pública”. “Grazas ás ferramentas de intelixencia artificial como os algoritmos de aprendizaxe automático supervisado estamos cada vez máis cerca de obter métodos diagnósticos non invasivos e altamente eficaces que melloren a calidade de vida dos pacientes”, engade.
Neste senso, as investigadoras do OSRG Alba Regueira e Berta Suárez apuntan que están ampliando o seu foco de xeito que agora “estamos avaliando tamén o potencial do microbioma oral como ferramenta preditiva para diagnosticar outras enfermidades orais moi relevantes no noso campo como a caries e a periimplantite”. “E os resultados que obtivemos ata o momento son moi prometedores”, explica Regueira.
Investigación premiada
A investigación, titulada ‘Microbioma oral e aprendizaxe automática: un enfoque innovador para o diagnóstico de precisión da periodontite’, presentouna Berta Suárez no Congreso da Sociedade Española de Epidemioloxía e Saúde Pública Oral (SESPO) 2024, onde acadou o premio á Mellor Comunicación Oral.
Este recoñecemento únese a galardóns recentes obtidos polo grupo como o Premio ICARUS 2023, os Premios Gaceta Dental 2023 y 2024 ou o InnovaIDIS 2024, lo que reafirma o compromiso do OSRG na innovación e excelencia na investigación científica odontolóxica, consolidando o seu liderado no campo da metaxenómica clínica aplicada á saúde bucodental.