O xornalismo lento e multidisciplinar, clave para construír unha sociedade máis resiliente ante o desafío climático

Santiago de Compostela

O xornalismo tamén pode ser unha arma de loita fronte ao cambio climático. Esta é unha das principais conclusións da investigación que acaba de desenvolver o xornalista científico, Xavier Fonseca Blanco, no marco da súa tese de doutoramento, titulada Periodismo lento y multidisciplinar para abordar la ciencia del cambio climático. Análisis del modelo de ‘Historias del tiempo’. O investigador conclúe que o xornalismo lento e multidisciplinar “non só mellora a calidade informativa, senón que pode servir como unha ferramenta eficaz para construír unha sociedade máis resiliente ante o desafío climático”.

A tese parte dunha enquisa que constata unha realidade preocupante: amplos sectores da poboación mostran escaso coñecemento sobre a ciencia do clima, mentres proliferan a desinformación e a evasión de noticias. O estudo cuantitativo realizouse durante o curso académico 2018-2019 na USC, UVigo e UDC. Na enquisa participaron 600 estudantes de diferentes cursos e dos campos das ciencias e as humanidades. A cuestións como que grao de saber consideran que teñen sobre a orixe e os efectos do actual aumento da temperatura global que describe a comunidade científica, o 42% responde que o seu coñecemento é escaso.

Para facer fronte a estes retos, o modelo analizado propón un xornalismo pausado, que aposte pola divulgación meteorolóxica rigorosa, o contexto histórico e a colaboración activa entre xornalistas e científicos. O investigador propón un novo enfoque para a comunicación do cambio climático dende a prensa.  A súa investigación analiza o modelo desenvolvido a través da sección diaria ‘Historias do tempo’, publicada actualmente en La Voz de Galicia.

Entre os achados máis relevantes, o traballo demostra que ‘Historias do tempo’, en colaboración co grupo de Física Non Lineal da USC, permitiu introducir conceptos físicos inéditos na prensa española como o de «río atmosférico» e situarse como referente estatal e internacional na cobertura de fenómenos meteorolóxicos extremos. A sección tamén logrou competir en precisión e frecuencia con medios como The New York Times ou The Washington Post na difusión de termos como ‘jet stream’ ou ‘megavaga de calor’. Fonseca, que durante a investigación cubriu dende furacáns no Atlántico ata misións na Antártida, considera “que a prensa pode asumir un papel clave na cultura científica da poboación”.

Desinformación

Os resultados poñen de manifesto que en España si existe desinformación climática. Para chegar a esta conclusión o estudo analiza un caso que afecta na actualidade os medios de comunicación de ámbito estatal. Trátase do aumento das noticias que mencionan como fonte as ‘Cabañuelas’, un método pseudocientífico para predicir o tempo. O estudo aborda a evolución de noticias que mencionan este concepto en La Voz de Galicia, El País, La Razón, El Mundo, ABC, El Periódico, La Vanguardia, Diario Vasco e Faro de Vigo de 2010 a 2023. Os datos amosan un aumento notable logo de 2021, o ano do temporal Filomena.

A difusión constante deste método obrigou á Asociación Española de Meteoroloxía e a Axencia Meteorolóxica de España (Aemet) a ter que desmentir en varias ocasións noticias que inclúen as ‘Cabañuelas’ como fonte e seguen advertindo unha e outra vez aos medios de comunicación sobre o risco de facer este tipo de referencias. Nunha publicación na súa conta oficial de Twitter do 23 de xaneiro do 2023, a Aemet lamenta que “dende o paso de Filomena, as informacións e titulares alarmistas aumentaron, ademais do uso de falsas predicións baseadas en pseudociencias. Non hai tampouco rexistros dunha predición de Filomena baseada nas cabañuelas, pero aínda así seguen dando a historia por certa”. O estudo evidencia que La Voz de Galicia é un dos diarios que menos referencian este método sen base científica para predicir o tempo.

Dirección e tribunal

Gonzalo Míguez Macho, catedrático da USC e pertencente ao grupo de Física non Lineal da USC, e José Antonio Cortés Vázquez, profesor de socioloxía da UDC, foron os encargados de dirixir esta tese de doutoramento que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude. Juan José Taboada Hidalgo, coordinador de Meteogalicia; Raquel Olalla Nieto Muñiz, catedrática de Física da Terra da UVigo; e Jorge Mira Pérez, catedrático do departamento de Física Aplicada da USC integraron o tribunal encargado de avaliar o traballo.
 

De esquerda a dereita, Gonzalo Míguez, Raquel Nieto, Xavier Fonseca, Jorge Mira, Juan Taboada e José Antonio Cortés
De esquerda a dereita, Gonzalo Míguez, Raquel Nieto, Xavier Fonseca, Jorge Mira, Juan Taboada e José Antonio Cortés